O novo calote a través do móbil: pedir o voto para un concurso infantil
Abrir esta mensaxe pode contaminar todo o dispositivo
Nas últimas horas circula a través de WhatsApp unha mensaxe pedindo o voto para un concurso infantil. Non o abran, é unha nova estafa que pode contaminar por completo o dispositivo.
A mensaxe envíase dende un contacto coñecido. Nela pídese o voto para dúas rapazas, Sophie ou Eliska, que participan nun suposto concurso infantil. Adxunta unha ligazón, onde solicitan un número e dá acceso a un código QR. É nese intre en que se abre a porta á infección do dispositivo móbil.
É a última das múltiples estafas que acotío entran a través de correo, WhatsApp, sms ou outras vías.
Se por descoido se cae na trampa, o mellor é desvincular dispositivos coa mesma conta e resetear a aplicación.
A tecnoloxía reinventa cada día novos métodos para o engano. Como norma xeral, cómpre ser desconfiado sempre.