Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous anos de cárcere para a exconcelleira socialista de Láncara acusada de estafa

Dous anos de cárcere para a exconcelleira socialista de Láncara acusada de estafa

O tribunal considera probado que finxiu realizarlle unha transferencia a un construtor que realmente era ficticia

A Audiencia Provincial de Lugo imponlles tamen a ela e o seu pai o pago dunha indemnización a un dos prexudicados de 39.270 euros

A sentenza foi ditada pola Audiencia Provincial de Lugo (Arquivo TVG) A sentenza foi ditada pola Audiencia Provincial de Lugo (Arquivo TVG)
G24.gal 21/05/2026 18:43

 A Audiencia Provincial de Lugo condenou á exconcelleira socialista de Láncara Begoña López e ao seu pai a dous anos de cárcere e ao pago dunha multa de 1.890 euros como autores dos delitos de falsidade en documento mercantil e estafa. Ademais, imponlles, en concepto de responsabilidade civil, o pago dunha indemnización a un dos prexudicados de 39.270 euros.

Os feitos, que foron xulgados en febreiro, remóntanse ao ano 2021, cando a exedil, que agora conta con 39 anos de idade, e el, de 66, fixeron unha transferencia de 2 euros a un construtor co que falaran para rehabilitar unha vivenda, o que xerou un pdf cunha orde de pago na que despois manipularon o importe para que figurasen 39.272 euros.

Ao ver a vítima o documento, creu que se fixera o pago e continuou cos traballos na vivenda, que posteriormente foron valorados en 46.338 euros.

Durante o xuízo, o construtor explicou que cando lle reclamou a ambos o pago, estes aseguraron que se trataba dun erro no banco e que estaba todo ben.

Días máis tarde, unha muller chamou á vítima identificándose como traballadora do banco e asegurando que fora un erro deles, pero o home desconfiou e descubriu despois que todo era falso.

Esta mesma actuación repetiuse, con anterioridade, co pago dun tractor, aínda que este foi devolto porque non funcionaba e non reclamou danos. A sentenza considera probado que os acusados concertaron a compra do tractor e, "co fin de obter un enriquecemento ilícito", manipularon o documento bancario.

Á vista do devandito documento, segundo consta na sentenza, "o vendedor-intermediario, na crenza de que o prezo lle fora transferido ao propietario, procedeu a entregar o tractor aos acusados, que o incorporaron ao seu patrimonio".

O tribunal conclúe que os sospeitosos, "que tiñan un plan preestablecido, actuaron de común acordo e co ánimo de obter un enriquecemento ilícito," tanto para a compra do tractor como no abono dos traballos contratados ao contratista, "co que chegaran a un acordo verbal".

"A conduta dos acusados evidencia unha vontade conxunta claramente destinada a producir engano nos dous prexudicados, coa finalidade de obter un lucro patrimonial, procurando, coa alteración dos documentos bancarios, aparentar solvencia e facerlles crer que se efectuaran dous pagos mediante senllas transferencias bancarias ao seu favor, que non chegaron nunca a realizarse", subliña a sala.

O tribunal, que ten en conta a atenuante de dilacións indebidas, aprecia a continuidade delituosa, "pois se elaboraron e empregaron senllos documentos mercantís falsos en distintos momentos temporais e de forma sucesiva para cometer senllos delitos de estafa a distintos prexudicados".

A sentenza establece tamén unha multa de 1.890 euros para cada un deles, rebaixando en seis meses a petición de cárcere da Fiscalía. A acusación particular solicitaba catro anos de cárcere para cada un e 6.000 euros de multa.

O fallo non é firme, xa que cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade