Estafan unha ponteareá facéndose pasar pola Garda Civil
A suposta comandante indicoulle unha conta para transferir 18.000 euros para evitar unha posible fraude na conta bancaria
En plena campaña da renda, alertan de mensaxes masivos en nome de Facenda que son un engano
Muller culta, educada, de formas tranquilas. Conta a historia sen dar a cara, e nin tan sequera a voz, porque a maiores da conta, tocáronlle a confianza.
Está comida pola tristura de quen se sente imbécil e culpable, aínda sen selo.
"Ninguén está exento de ser vítima dun ciberdelito. Esas mensaxes xogan coas emocións, coa présa, coa inmediatez. Cando a unha persoa lle din que lle entraron na conta bancaria e que lle van sacar x cartos, o que quere facer é bloqueala e parala. Eles aproveitan eses momentos de tensión", advirte o Sarxento Diego Alonso, xefe do grupo EDITE da Garda Civil de Pontevedra.
E máis se quen fala é unha garda civil. Muller comandante, neste caso.
"Non parece unha estafa moi elaborada a nivel técnico porque o que fixeron os cibercriminais simplemente foi coller unha imaxe ou un logo da Garda Civil e colocala no WhatsApp. A persoa que chamou deseñou unha certificación que a puido baixar de Internet simulando ser garda civil", engade o xefe do grupo especializado en investigar delitos informáticos.
Empezou como empezan case todas, cunha mensaxe supostamente do banco, cun número de teléfono para chamar, por unha fraude na conta. Faille caso.
Cóntanlle que están investigando unha banda que xa estafou 600.000 euros a outros clientes e que a vai chamar a Garda Civil. Non tarda. É unha videochamada coa suposta comandante Susana Delgado.
"As mensaxes son moi variadas. Pode ser dende que houbo un acceso ilegal á conta bancaria, a avisar dun cargo na conta..., neste caso, o que lle pasou a esta vítima, foi que debía facer unha transferencia para salvar os cartos", explica o sarxento da EDITE.
Dálle titular, número de conta e motivo da transferencia. Para paneis solares, que están de moda. Dille a comandante. A muller sae correndo para o banco e manda os cartos.
"Puidera ser que nin sequera levara uniforme da Garda Civil pero ao xogar con esas mensaxes de presión, ao ver do pescozo para riba algo verde e dicirlle que é Garda Civil", lamenta Diego Alonso.
Saltoulle a lebre nun par de horas. E tivo o valor de chamalos de volta: Non seredes os ladróns? Era tarde. Xa tiñan os 18.340 euros da transferencia. Practicamente todo o que tiña na conta. Non foi nada persoal, nin a tiñan controlada. Tocoulle.
"Mandan mensaxes a unha correlación de números. Son mensaxes xenéricos que din 'ola, papá', 'ola mamá' e cando alguén contesta, tratan de retelo para enganalo", insiste o sarxento.
E como son listos coma un allo, ollo agora mesmo coas mensaxes de Facenda. Son unha fraude. Ningún organismo público pide datos nin cartos por teléfono.