Un veciño de Vilagarcía, vítima do calote do Bizum inverso
O propietario puxo á venda un coche e un comprador insistiu en facerlle un pagamento como reserva, como resultado estafáronlle 1.200 euros
Un veciño de Vilagarcía foi vítima do calote do Bizum inverso. O propietario puxo á venda un coche e un comprador insistiu en facerlle un pagamento como reserva, como resultado estafáronlle 1.200 euros.
Alexis decidiu vender un coche por internet pero co que non contaba era con que lle estafasen 1.200 euros na operación. O suposto comprador do vehículo insistiu moito en pagarlle unha cantidade por Bizum para facer a reserva do coche. Aí foi como o liou.
"Díxome que me acababa de mandar un sinal para a reserva, que entrase na banca electrónica para comprobalo, entrei co recoñecemento facial e aceptei sen darme conta. Conseguiu retirarme case 1.200€ en dous Bizum" Alexis García. Vítima do calote.
E o calote aínda puido ser de máis cuantía porque o delincuente intentou facer outras dúas operacións consecutivas. Alexis quere facer público o seu caso para que sirva de aviso a outras persoas que poidan estar tan confiadas coma el.
"Que a xente teña coidado con estes temas. Eu nunca pensei que me farían algo así pero é fácil que llelo fagan a calquera".
Xa eliminou a plataforma, puxo denuncia na Policía e foi ao banco. Dixéronlle que era difícil recuperar os cartos.
O fraude do "Bizum inverso" é habitual en operacións de compravenda. Os delincuentes solicitan diñeiro en vez de envialo polo que, para evitar caer no calote, cómpre revisar as solicitures con atención.