Sánchez chama as administracións a aumentar recursos e coordinación contra os incendios
O Goberno presenta a campaña 2026, que contará coa "maior despregadura do Estado"
Cos grandes incendios do verán pasado, os peores da historia recente, aínda gravados na retina de todos, o Estado reforza os medios este ano para que eses grandes incendios non se repitan.
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anuncia ese despregamento e pide unidade para loitar contra esta lacra.
"O noso único inimigo é o lume e para derrotalo necesitamos esa unidade, esa planificación e esa capacidade de resposta, pero sobre todo necesitamos recursos e todas as administracións teñen que actuar en consecuencia", indicou o presidente do Goberno desde a base aérea de Torrexón de Ardoz.
Súmanse novos helicópteros e avións anfibios, drons de alta capacidade e, en xeral, máis sistemas avanzados de vixilancia e seguimento.
Serán 15 avións anfibios, co novo kit apagalume para aeronaves A400M de Aribus, e catro novos helicópteros Chinook e dous Cougar.
E dende a Administración Central pídenlle ao resto, comunidades e concellos, que aumenten tamén os esforzos para coordinarse.
"Porque esta batalla gáñase conxuntamente, desde a unidade, nunca desde a confrontación nin a deslealdade institucional", dixo Sánchez.
Tamén actualizaron o índice de perigo de incendios. Aos datos do tempo, sumarase por primeira vez información sobre o estado da vexetación e do chan, que acada moitas veces temperaturas extremas durante xullo e agosto.