Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os afectados polo cobro indebido de peaxes da AP-9 deberán achegar probas

Os afectados polo cobro indebido de peaxes da AP-9 deberán achegar probas

O Tribunal de Instancia de Pontevedra rexeita o recurso da asociación En Colectivo que pedía executar a sentenza do Supremo

G24.gal 21/05/2026 15:43

O Tribunal de Instancia de Pontevedra emitiu un auto no que explica que os afectados pola cobranza indebida de peaxes da AP-9 entre febreiro de 2015 e xuño de 2018, deberán achegar probas para ordenar á concesionaria Audasa a súa devolución.

Así o decretou o maxistrado da praza 1 da sección mercantil, que rexeitou, tal e como solicitaba a asociación En Colectivo, executar a sentenza, xa confirmada polo Tribunal Supremo, que ordena devolver o diñeiro cobrado irregularmente.

Tal e como establece a lei de axuizamento civil e consta na sentenza que condenou á concesionaria, os prexudicados non persoados na causa deben xustificar a súa circulación pola autoestrada para seren restituídos

O xuíz subliña que, aínda que no ditame consta que os usuarios que fosen afectados poderán instar a que os recoñezan como beneficiarios da condena, nel tamén se indican os datos que teñen que achegar para lograr este recoñecemento. Eses datos, tal e como se especifica na sentenza, son a acreditación da súa condición de consumidores mediante os documentos que estimen oportunos.

Ademais, deben achegar a acreditación de que circularon por tramos da AP-9 afectados polas 81 incidencias na ponte de Rande nas datas e franxas horarias sinaladas e a acreditación das cantidades concretas abonadas por peaxes neses tramos.

O maxistrado explica que a asociación presentouse no proceso e adheriuse á demanda do Ministerio Fiscal, o mesmo que diversos usuarios da autoestrada, "ningún dos cales coincide cos asociados polos que En Colectivo di actuar agora".

Ademais, sinala que a asociación demandante "nin sequera achega na súa totalidade" os datos que na sentenza se especifica que teñen que proporcionar os usuarios afectados.

Polo tanto, denega a execución instada por En Colectivo, pois incide en que "non existe aínda un título executivo que poida amparar a ningunha das persoas polas que di actuar".

O auto non é firme e pode ser recorrido ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade