Detido un home por matar a coiteladas a súa nai en Ponteareas
A muller octoxenaria faleceu a causa das graves feridas provocadas por unha arma branca
O sospeitoso acudiu ao hospital Álvaro Cunqueiro onde confesou o crime
A Garda Civil detivo un home este domingo no concello de Ponteareas como suposto autor da morte da súa nai octoxenaria. Segundo confirma o instituto armado, a muller faleceu a causa das graves feridas provocadas por unha arma branca.
Os feitos ocorreron na rúa dos Carballos, no centro da vila. Despois, o sospeitoso acudiu ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo onde supostamente confesou o crime. Os axentes localizaron o corpo ás 14:30 horas.
O cadáver foi trasladado á subdirección do Instituto de Medicina Legal da cidade olívica onde lle van practicar a autopsia para determinar as circunstancias da morte e cando se produciu a agresión.
A policía científica tamén se desprazou ata a vivenda co fin de tomar mostras que axuden a esclarecer o crime.
O xulgado abriu dilixencias para investigar o sucedido e o presunto autor dos feitos está baixo custodia da Garda Civil. O home ten antecedentes psiquiátricos.