Entran por unha porta e saen pola outra? A Xustiza explícase
Queixas pola reincidencia dos delincuentes, sobre todo, en furtos e infracións leves
"A sensación de que as pequenas infracións quedan impunes non é correcta: hai penas"
"A unhas clientas roubáronlle a cadea e pilláronas coa cadea e con todo e non lles fixeron nada e o mesmo co que nos entrou na tenda. Collérono e cando estaba eu poñendo a denuncia xa estaba saíndo pola porta", lamenta un comerciante.
É a eterna queixa tantas veces repetida, por exemplo, en furtos. Entran por unha porta e saen pola outra?
"Iso non é moi exacto porque non temos tantas portas. Soe ser a mesma pero esa sensación de que as pequenas infracións quedan impunes non é correcta: hai penas e exponse a unha condena", explica Sandra María Piñeiro, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo.
Pero que pasa mentres?
"Estou indignada porque me roubaron. É a terceira vez este ano", quéixase outra tendeira.
Repiten, seguen roubando, dicimos que reinciden pero esa reincidencia é distinta para a Xustiza.
"As últimas reformas lexislativas, no caso da multirreincicidenica, busca acoutar a estas situacións. Pero en que consiste a reincidencia? En que unha persoa conte alomenos cunha condea firme do mesmo título no código penal. Un roubo con forza non é o mesmo ca un furto", aclara a maxistrada.
Segundo suposto: reincidencia, esta si, por suposta enfermidade mental.
"Ocorreu a madrugada do xoves ao venres e o sábado xa andaba por aquí". "Só lle pedimos ao xuíz ou a xuíza que fagan algo. Penso que están esperando a que mate a alguén".
Os que se queixan son uns campistas de Vilanova de Arousa, ameazados e agredidos por un veciño, supostamente enfermo.
"O xuíz ou xuíza de garda non pode ordenar que a persoa detida ingrese nun centro para un tratamento de desintoxicación ou nun centro psiquiátrico. Non é unha opción", xustifica a presidenta da Audiencia.
Esa prisión provisional tantas veces demandada non é unha medida para acordar ao chou. Hai requisitos legais.
"Eses riscos están asociados ao risco de fuga, á destrucción de probas ou ao risco de atenar contra a vítima", aclara Piñeiro.
E hai conciencia persoal.
"Eu lembro o nome das primeiras persoas que mandei a prisión provisional porque eres consciente do que supón o ingreso nun centro penitenciario, da sensación de entrar nunha prisión e que se vaian pechando as reixas, sen ningún efecto persoal", confesa a xuíza.
Moitos deses delincuentes son persoas ás que lle fallou o resto do sistema.
"Cando en persoas con enfermidade mental o sistema sanitario fracasa con eles, acaban no xulgado de garda; cando persoas con problemas económicos e sociais, o sistema non é capaz de amparalos, acaban no xulgado de garda", lamenta a presidenta da Audiencia Provincial de Lugo.
Ser garantista, din, non é ser ineficaz: hai que protexer a vítima pero garantindo un proceso xusto tamén para os acusados.