Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prisión para o líder do clan dos Fanchos e para os outros dous detidos polo alixo de 1.400 kg de coca na Pobra

Prisión para o líder do clan dos Fanchos e para os outros dous detidos polo alixo de 1.400 kg de coca na Pobra

A Policía atribúe aos Fanchos a descarga e a custodia da cocaína comisada na Pobra

O líder dese grupo, Rafael R. G., é primo do Chicle, o asasino de Diana Quer

G24.gal 24/08/2026 16:58 Última actualización 24/08/2026 17:30

Os tres detidos na operación que permitiu interceptar 1.410 quilos de cocaína o pasado sábado na Pobra do Caramiñal ingresarán en prisión, segundo determinou a xuíza que leva o caso.

O xulgado de  Ribeira decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza investigados por un delito contra a saúde pública.

Entre os detidos figura o líder dos Fanchos, un clan familiar vinculado ás actividades de tráfico de cocaína na comarca da Barbanza, especialmente na contorna de Boiro e A Pobra.

O líder dese grupo, Rafael R. G., é primo do Chicle, o asasino de Diana Quer na Pobra do Caramiñal en 2016 e, casualmente, foi detido o día en que facía dez anos da desaparición da moza madrileña.

Gardaban os fardos nun alpendre próximo á praia do Conchido

A investigación que posibilitou acceder á droga contou, segundo a Policía Nacional, coa colaboración da axencia norteamericana contra a droga, DEA.

Comezou o pasado xoves despois de que os axentes tivesen coñecemento de que dúas embarcacións introduciran supostamente unha importante partida de cocaína a través dunha praia da Pobra do Caramiñal.

As primeiras informacións das que dispoñía a Policía apuntaban a que o clan dos Fanchos era o encargado dos labores relacionados coa descarga e posterior custodia do estupefaciente.

As pescudas centráronse especialmente no líder do clan e establecéronse distintos dispositivos para determinar o seu grao de participación e esclarecer os feitos.

O venres os investigadores detectaron un primeiro movemento que chamou especialmente a súa atención.

De madrugada, ás 6:55 horas, observaron como un vehículo chegaba ao domicilio do principal investigado e, pouco despois, unha persoa saía da vivenda cunha mochila e introducíase no coche.

Os ocpantes do vehículo adoptaron numerosas medidas de seguridade para evitar ser seguidos ou detectados.

Posteriormente, a madrugada do sábado, o líder do clan, xunto con outros dous homes, efectuou varios movementos desde o seu domicilio ata un alpendre situado fronte á súa propiedade, moi próximo á praia do Conchido.

Os axentes observaron como os tres comezaban a trasladar vultos de gran peso desde o alpendre ata outra vivenda situada no mesmo municipio e sospeitaron que podería tratarse de paquetes de cocaína.

Ante esa evidencia, os policías procederon á detención dos tres implicados e ao comiso de 1.410 quilos de cocaína, 100 gramos de heroína, diñeiro en efectivo e outros efectos de interese para a investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade