A policía busca a lancha que transportou a droga comisada na Pobra do Caramiñal
Este luns pasan a disposición xudicial dous dos catro detidos
Todo apunta a que a droga foi descargada só unhas horas antes da chegada dos axentes
Trátase dunha das operacións contra o narcotráfico máis importantes dos últimos tempos na Barbanza e deixa ata o de agora 4 persoas detidas e a incautación de arredor de 1.500 quilos de cocaína.
O operativo comezaba de madruga e estendeuse durante case toda a xornada co rexistro dunha vivenda na zona co Conchido, onde localizaron o cargamento. Segundo a investigación, a descarga da droga dende o mar produciríase nas 24 horas anteriores á intervención policial.
A droga estaba agochada nunha vivenda situada xusto a carón do mar, un lugar no que era fácil introducila directamente desde a ría. Os investigadores trataron de localizar a embarcación coa que se realizou esa descarga, polo de agora sen éxito, malia que na propiedade si que atoparon varias planadoras e motores foraborda de gran potencia.
Entre os detidos hai polo menos un integrante do clan dos Fanchos que opera na zona da Barbanza, e tamén un home de nacionalidade croata, o que indica a participacipón na rede de integrantes do cártel do Balcáns, unha alianza que xa se detectara noutra operación antidroga recente .
A operación, que dirixen efectivos da Brigada Central de Estupefacientes, segue aberta polo que non se descartan máis detencións nas próximas horas.
Este luns está previsto que pasen a disposición xudicial dous dos catro detidos. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informou este domingo de que está previsto que ambos sexan entregados ao Tribunal de Instancia de Ribeira, praza 1, en funcións de garda e asistido estes días pola xuíza da praza 3 da mesma localidade.