Investigados dous homes polo incendio de Ponteareas que calcinou 880 hectáreas
Orixinouse en abril nun tractor que realizaba traballos forestais no lugar de Mouro, na parroquia de Padróns
Arquivo
O Seprona investiga dous homes como presuntos autores dun incendio forestal que calcinou 880 hectáreas eN abril no municipio pontevedrés de Ponteareas. Foi o 6 de abril de 2026, ás 14:47 horas no lugar de Mouro, na parroquia de Padróns.
Segundo informou o Instituto Armado nunha nota de prensa, o incendio orixinouse nun tractor que realizaba traballos forestais na zona e as lapas afectaron o monte arborizado e matogueira.
Tras as investigacións levadas a cabo polo Seprona, determinouse a posible neglixencia do dono do tractor e do traballador que o operaba, quen se atopaba no lugar cando se produciu o incendio.
Os dous, de 32 e 49 anos, están sendo investigados como presuntos autores dun delito de incendio forestal.
A Garda Civil lembra a importancia de extremar as precaucións en traballos en zonas forestais, especialmente en períodos de risco elevado de incendios.