España envía máis equipos de rescate cara a Venezuela, entre eles varios galegos
O equipo galego confórmano seis bombeiros membros da asociación Briegal e de dous técnicos de emerxencias sanitarias da organización non gobernamental IAE
A compañía aérea informou de que o avión, un A330-200, despegou pasadas as 20.00 horas deste sábado
EFE/Iberia
Seis bombeiros e dous técnicos de emerxencias galegos voan cara a Venezuela como parte da axuda de España ás vítimas dos terremotos que sacudiron ese país o mércores, segundo informou este sábado a Xunta.
Trátase de seis bombeiros membros da asociación Briegal e de dous técnicos de emerxencias sanitarias da organización non gobernamental IAE especializada en rescate de persoas, precisa o Goberno autonómico.
O equipo que viaxa a bordo dun avión A330 do Exército do Aire transporta a 59 efectivos da UME e oito das súas unidades caninas para apoiar as tarefas de procura e rescate, así como expertos da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) con material de primeiros auxilios.
Segundo informou o Ministerio do Interior, o novo continxente, coordinado pola Secretaría Xeral de Protección Civil en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), embarcou nun voo de Iberia fretado pola petroleira Repsol.
O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, informou tamén do envío deste continxente nunha mensaxe na rede social X no que sinalou que a axuda foi "mobilizada para apoiar o pobo irmán venezolano".
A compañía aérea informou á súa vez de que o avión, un A330-200, despegou pasadas as 20.00 horas deste sábado desde o aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Barajas con destino á cidade venezolana de Valencia con 77 pasaxeiros a bordo.
O grupo, segundo Interior, está composto entre outros por seis membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME), un oficial de ligazón da Secretaría Xeral de Protección Civil e seis membros da Oficina de Avaliación e Coordinación de Desastres das Nacións Unidas (UNDAC).
Tamén inclúe 15 bombeiros especialistas en estruturas colapsadas procedentes de Cataluña; un xefe de grupo, un xefe canino e dous rescatadores caninos con tres cans, xunto a seis bombeiros rescatadores e un sanitario da Comunidade Valenciana; e 10 bombeiros especializados en estruturas colapsadas cun can de rescate de Estremadura.
No voo viaxarán tamén dous guías caninos con dous cans procedentes de Asturias; tres arquitectos e outros dous guías caninos con dous cans de Murcia; e un xefe de grupo, cinco rescatadores e un guía canino cun can de Galicia.