A eclipse será especial en Lugo
A duración do fenómeno e os ceos despexados converten a cidade da muralla na preferida da ciencia
Galicia será un lugar privilexiado para gozar da eclipse solar que acontecerá o 12 de agosto, e éo porque nunha parte da xeografía galega o fenómeno será total. Un dos lugares escollidos polo azar astronómico será a cidade de Lugo.
"Lugo vai ser unha das capitais de provincia, xunto coa Coruña, Oviedo e León, nas que se vai observar a totalidade das fases da eclipse. Noutros lugares o sol vaise ocultar parcialmente, comenta Manuel Andrade, coordinador da área de Astronomía e Astrofísica da USC (Universidade de Santiago de Compostela).
Pero é que a favor de Lugo xoga unha maior probabilidade de días despexados e tamén a duración da eclipse. "Falamos de un minuto vinte e tres ou vinte e catro segundos que conferen un peso importante como destino para escoller con seguridade", comenta o astrofísico.
Para aproveitar o fenómeno, dende o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, que conforman as tres universidades galegas, desenvolven un macroproxecto divulgativo para levar esta efeméride a toda á cidadanía. Denomínase "Eclipse 2026.8.12 en Lugo".
"É un macroproxecto que consta de moitas actividades: un ciclo de conferencias, charlas coloquio ao longo de xullo e agosto así como un par de obradoiros que teremos de aquí á data da eclipse. E por suposto, o evento principal será a observación da propia eclipse", adiante o coordinador do programa, Manuel Andrade.
A muralla de Lugo e o parque Rosalía de Castro son os dous puntos da urbe luguesa máis privilexiados para contemplar o fenómeno. "Neses dous puntos de observación -adianta Manuel Andrade- teremos telescopios solares, de luz branca e H-alfa, que permitirán observar diferentes fenómenos na superficie solar mentres se está producindo a fase parcial e explicarlle á xente como ten que observar a eclipse con seguridade".
A próxima eclipse total non acontecerá en Galicia ata dentro de 150 anos e concretamente en Lugo ata 2480, unha boa razón para non perder nada desta histórica efeméride.