Estabilizado o incendio que obrigou a evacuar o mosteiro de Caaveiro
As lapas consumiron unha superficie de 50 hectáreas
Trátase do segundo incendio rexistrado no Parque Natural das Fragas do Eume en 48 horas
O outro foco, que queimou 30 hectáreas, quedou controlado
EFE/Kiko Delgado
A Consellería de Medio Rural confirmou que o incendio iniciado no Parque Natural das Fragas do Eume quedou estabilizado ao redor das seis e cuarto da tarde deste martes, mentres que permanecen controlados os orixinados na Capela (A Coruña) e A Mezquita (Ourense).
No primeiro dos incendios, que tamén se propagou polo municipio da Capela, a alerta transcendeu pouco antes das cinco e media da mañá e as últimas estimacións seguen apuntando a unha superficie arrasada de 50 hectáreas, todas elas dentro do espazo protexido das Fragas do Eume.
O incendio obrigou a evacuar a persoal e visitantes da contorna do mosteiro de Caaveiro, segundo confirmaron fontes da Deputación da Coruña. A institución provincial, propietaria do cenobio e da súa contorna máis inmediata, adoptou esta medida, que tamén afecta a un local hostaleiro contiguo ao complexo, "por precaución", aínda que as mesmas fontes indicaron que non hai "lume nin fume preto".
Medio Rural informou que se despregaron na zona tres técnicos, quince axentes, vinte e cinco brigadas, dezasete motobombas, dúas pas, unha unidade técnica de apoio, cinco avións e outros tantos helicópteros.
Segundo foco en 48 horas
O outro incendio rexistrado na Capela quedou controlado sobre as 00:55 desta madrugada. As lapas iniciáronse na madrugada do domingo e, segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie dunhas 30 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse por agora dous técnicos, 15 axentes, 24 brigadas, 26 motobombas, unha pa, tres helicópteros e dous avións.
Medio Rural dá tamén por controlado o incendio que entrou desde Portugal ao concello ourensán da Mezquita, na parroquia de Manzalvos. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada en Galicia é de arredor de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse un técnico, 15 axentes, 25 brigadas, 16 motobombas, catro pas, sete avións e sete helicópteros.
O Goberno reforza o operativo tres avións
A Delegación do Goberno en Galicia confirmou o envío de dous avións anfibios e un de coordinación e observación para colaborar nas tarefas de extinción do incedio no Parque Natural de As Fragas do Eume. Segundo informou, estes medios súmanse ao operativo despregado na zona e trabllan en coordinación con efectivos da Xunta.