A segunda baixada das carrilanas en Oia xunta deporte e velocidade con creatividade
A comisión de festas apostou por unha competición que xa forma parte do calendario oficial da Federación Española de Deportes de Inercia
A febre recente polas carrilanas é xa unha realidade en Santa María de Oia. Tras o éxito da primeira edición, o ano pasado, neste 2026 a comisión de festas apostou por unha competición que xa forma parte do calendario oficial da Federación Española de Deportes de Inercia.
Desde a estrada do porto, aos pes do Mosteiro de Santa María de Oia, varios tractores da organización suben as sesenta carrilanas desta edición ata o alto do barrio da Chavella. Desde alí os vehículos descenden un quilómetro e cen metros ata o punto de partida tres veces.
E aínda que gaña o que faga mellor tempo, os pilotos insiten en que aquí un ven a divertirse máis que a competir.
As carrilanas, agora que pertencen á federación española de deportes de inercia, teñen que cumprir uns requisitos de seguridade. Frenos obrigatorios de zapata por rozamnto contra o chan, un asento ben fixado e o uso obrigatorio para os pilotos do casco e sempre roupa de manga longa.
Unha cousa é o deporte, a proba é puntuable para a Copa de Galicia, e outra a creatividade porque a organización premia a carrilana máis orixinal.