Publicador de contidos

Publicador de contidos

A vaga de calor que afecta Europa deixa 11 mortos: 7 en Francia e 4 no Reino Unido

A vaga de calor que afecta Europa deixa 11 mortos: 7 en Francia e 4 no Reino Unido

No Reino Unido os falecidos son catro adolescentes, con idades comprendidas entre os 13 e os 15 anos 

En áreas do sur e o oeste de España chegarase este martes aos 39 graos e mañá mércores aos 40 nos vales do Guadiana, o Guadalquivir e o Ebro

G24.gal 26/05/2026 15:27

A onda de calor que afecta boa parte de Europa volveu elevar as temperaturas ata niveis históricos para un mes de maio, provocando 11 vítimas mortais. 

Este episodio de calor está relacionado coa presenza dun potente anticiclón que se estende desde o norte de África ata as illas británicas.

Sete falecidos en Francia onde o oeste do país está en alerta laranxa 

En Francia, onde oito departamentos do oeste están en alerta laranxa por calor, algo inédito en maio, morreron dúas persoas mentres practicaban deporte, unha o domingo, en París, e a outra, o luns, en Lión.

Ademais, cinco persoas faleceron afogadas mentres se bañaban en varios puntos de Francia.

Espérase que a calor aperte aínda máis durante este martes, con temperaturas máximas de entre 33 e 36 graos, e que a situación se prolongue ata finais de semana.

O primeiro ministro francés, Sébastien Lecornu, presidirá o xoves unha reunión interministerial para analizar se os servizos públicos están preparados para afrontar esta situación.

Catro adolescentes mortos no Reino Unido, onde este martes se acadarán os 35 graos

Tres das mortes no Reino Unido rexistráronse onte luns: un neno de 13 anos foi rescatado morto do pantano onde se estaba bañando en Halifax (West Yorkshire, norte de Inglaterra), unha moza de 15 anos pereceu tras bañarse nun lago en Warwichshire (inmediacións de Birmingham), mentres que en Rotherham (South Yorkshire, norte) outro cativo desapareceu onte tras meterse no lago e o seu cadáver non apareceu ata a mañá deste martes.

Estas mortes súmanse á doutro mozo de 15 anos atopado morto no lago de Swanholme (East Yorkshire, norte) na tarde do domingo.

As temperaturas non baixaron dos 21,3 graos no sur de Londres, despois de que o Reino Unido rexistrase onte luns o seu día de maio máis caloroso desde que hai rexistros: a temperatura chegou onte aos 33,5 graos nas inmediacións do aeroporto de Heathrow, ao oeste de Londres, polo que superou os 32,8 graos marcados tamén nesta capital en 1922. 

Espérase que este martes as temperaturas máximas suban aínda máis, ata os 35 graos.

En Irlanda, acadouse unha máxima histórica para o mes de maio, 28,8 graos, en dúas estacións do suroeste e o centro da illa, segundo a Oficina Meteorolóxica.

A axencia meteorolóxica espera que a onda de calor continúe ata o mércores, con temperaturas ao redor dos 28 graos, e que a partir do xoves a situación cambie coa chegada de choivas desde o suroeste. En Irlanda as temperaturas máis altas en maio adoitan oscilar entre os 13 e 16 graos.

No sur e o oeste de España chegarase este martes aos 39 graos

En España tamén segue a onda de calor, con temperaturas máximas que oscilarán este martes entre os 37 e os 39 graos no sur e o oeste da península.

As temperaturas mínimas manteranse elevadas, con rexistros de ata 21 graos pola noite.

No entanto, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé que as temperaturas máis altas se alcancen entre o mércores e o venres, con máximas de entre 36 e 38 graos nos vales do Guadiana, o Guadalquivir e o Ebro, que poderían chegar a 40 graos nalgúns puntos.

Ante esta situación, para mañá mércores activarase o aviso amarelo nas comunidades autónomas de Aragón, Cataluña, Estremadura, Navarra, País Vasco e A Rioxa.

Portugal chega aos 38 graos e o Algarve está en alerta máxima por risco de incendio

En Portugal, as temperaturas chegarán ata os 38 graos durante este martes, o que levou ás autoridades para poñer en aviso amarelo a sete rexións do centro e o sur do país.

Neste contexto, unha decena de localidades do sur, no Algarve, están en situación de alerta máxima ante o risco de incendio.

Segundo os servizos meteorolóxicos, a vaga de calor alongarase, polo menos, ata o xoves en Portugal. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade