Publicador de contidos

Publicador de contidos

Curtis na Lembranza rememora as feiras de comezos do século XX

Curtis na Lembranza rememora as feiras de comezos do século XX

A feira recupera o ambiente dos anos nos que a chegada do tren impulsou o crecemento da vila

G24.gal 26/07/2026 10:24

Curtis na Lembranza recupera o espírito das feiras que se instalaban a comezos do século pasado ao redor da estación do ferrocarril, cando a chegada do tren impulsou o crecemento e a actividade económica da vila. É unha homenaxe á historia curtense e un convite a revivir sensacións perdidas no tempo.

Laura Míguez atesoura centos de imaxes dunha feira que retrata cada ano xunto a seu pai desde a primeira edición. Neste pequeno espazo expón unha selección das súas fotografías, mentres continúa captando coa súa cámara a esencia das xentes que fan posible Curtis na Lembranza.

"O pobo fai feira. Vístese todo o mundo, todos participan e colaboran, é un proxecto común", explica a fotógrafa.

"A animación que ten, a decoración e toda a organización son incríbles. Fanche sentir coma na casa", conta unha artesá de Oleiros.

Curtis rememora os anos nos que a chegada do tren trouxo a prosperidade á vila, converténdoa en punto de encontro ineludible na comarca. Daquela o século vinte estaba por construír.

 "Eu lembro cando viñan os meus pais. Eran outros tempos, pasaban moitos traballos. Viñan andando, cos carros e todo iso", recorda unha muller que se achegou á feira desde un concello próximo.

"Vimos todos os anos porque é moi importante que os nenos coñezan as dintintas maneiras de vivir na antigüidade, que saiban que Curtis medrou a raíz do tren e das feiras", comenta unha muller vestida de época.

Na avenida principal hai postos de alimentación e artesanía e obradoiros de oficios tradicionais que se resisten a desaparecer. Esther e Rosana elaboran cestas e outras pezas coa folla da espiga do millo.

"Cando coñecín isto e vin que era unha folla tan bonita e tan rica, que se podían facer tantas cousas con elas, que pensei que isto non podía perderse", explica a cesteira

A feira propicia xuntanzas e reencontros cos que marcharon, pero sempre volven.

"A xente que naceu aquí segue regresando a Curtis. Curtis é como a mamá, que volves para vela cada fin de semana", di unha das veciñas que colabora na organización.

Este ano a Feira 1900 está dedicada á música e ao baile tradicional galegos. Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre actuaron na carballeira.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade