Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Coruña mira o seu pasado medieval coa XXX Feira das Marabillas

A Coruña mira o seu pasado medieval coa XXX Feira das Marabillas

A Cidade Vella énchese de postos de artesanía e de gastronomía e a música e os espectáculos animan as rúas

G24.gal 25/07/2026 14:41

A Feira das Marabillas recupera o pasado medieval da Coruña con mercados, oficios, música e personaxes fantásticos que transportan os visitantes a unha época esplendorosa. O escenario non podía ser máis xeitoso: as rúas estreitas e empedradas da Cidade Vella.

É un convite a descubrir ou redescubrir sen présas o corazón histórico da cidade entre os postos que enchen as rúas de cores e aromas. Hai mans traballando o coiro ou dando forma á madeira e música a cada paso. A Coruña vístese de medievo e dálle a benvida a miles de visitantes. 

"Eu veño todos os anos, hai variedade, das unha volta..., encántame". "Moi ben, hai de todo. Pasas un tempo agradable e ves cousas interesantes", comentan dúas asiduas á feira.

A feira sempre ofrece algo novo e o ambiente anima a deixarse sorprender en cada recuncho.Moitos dos feirantes son vellos coñecidos. Recuncan cada verán porque se senten ben acollidos e porque a feira coruñesa lles ten un encanto especial.

"Destacaría a animación, a xente, o lugar... Para min é unha das máis bonitas", di unha artesá que repite este ano. "A Coruña é unha cidade moi bonita na que ademais se vende ben. O clima é moi agradable... hai moitas razóns para volver", confirma outro vendedor.

Estes días, a Cidade Vella é un escenario aberto que mira o pasado para encher de vida e animación o presente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade