A literatura ocupa os xardíns de Méndez Núñez coa Feira do Libro da Coruña
Ata o dez de agosto haberá presentacións, sinaturas e obradoiros para todos os públicos
A Coruña convértese desde hoxe na capital das letras galegas coa apertura da súa Feira do Libro, que enche de literatura os Xardíns de Méndez Núñez.
Ata o vindeiro 10 de agosto, un total de 35 expositores ofrecerán descontos do dez por cento en miles de exemplares nunha edición que arrincou co pregón da ilustradora coruñesa e Premio Nacional do Cómic, Bea Lema.
Por diante quedan dez días intensos nos que se desenvolverán máis dun centenar de actividades culturais, incluíndo mesas redondas, obradoiros infantís e sinaturas de destacados autores como María Oruña ou Pedro Feijoo.
As casetas permanecerán abertas todos os días en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 21:30 horas.