Publicador de contidos

Publicador de contidos

A primitiva millonaria da Coruña, a xuízo catorce anos despois

A primitiva millonaria da Coruña, a xuízo catorce anos despois

O loteiro está acusado de estafar o dono do boleto, que morreu sen saber do premio

A policía identificou o dono porque sempre xogaba os mesmos números, mesmo cando viaxaba fóra da cidade

G24.gal 13/04/2026 14:49

Un loteiro acusado, un suposto premiado xa falecido e 4 millóns 700.000 euros de hai catorce anos pendentes de cobrar. A maiores entra en escea, o irmán do loteiro, antes xefe provincial de Lotarías na Coruña. 

Como decorado, a administración de lotarías de San Agustín, no centro da cidade. Escribe o guión a Fiscalía e cóntao así.

O 2 de xullo de 2012 un xubilado entra no despacho para comprobar os seus boletos. Apostaba sempre cos mesmos números. Por un cobrou tres euros e o home marchou.
Casualidade ou non, atrás quedaba o billete dos máis de catro millóns de euros, que en teoría atopou o loteiro, Manuel Reija, segundo contaba no seu día el mesmo. 

"Eu atopei ao lado do portamoedas un grupo de boletos, collinos e empecei a comprobalos e foi cando saltou o famoso dos catro millóns setecentos".

Non foi a única casualidade. Polo rexistro da máquina sóubouse que comprobara o boleto premiado por segunda vez, nada máis saír o xubilado pola porta. 

"Eu decido entregar o boleto ao día seguinte. Vou á delegación e póñense en contacto con Madrid", engade.

E mira por onde, á fronte da delegación de lotarías estaba o seu irmán, Miguel Reija. 
Fixeron as xestións para cobrar o premio, pero tantas coincidencias e tamén algunha incoherencia dos irmáns Reija, levantaron a lebre. 

"Esta aparente, e subliño aparente, contradición ten unha explicación moi clara. Se houbese intención delituosa, non o sabería nin a miña familia. Eu cóbroo e punto, ou cóbrao un amigo. Tiña tres meses para facer con el o que quixese", defendíase o loteiro.

O boleto quedou custodiado polo Concello da Coruña, en busca do dono. Reclamárono 300 candidatos, entre os que non estaba o xubilado.

De non aparecer o propietario, o premio sería para o loteiro, que a esas alturas podía soñar con ser millonario. 

Pero a policía truncoulle o soño. Seguiron o rastro dunha combinación que se repetía na Coruña, en Caldas, Mallorca, Torremolinos e Fuerteventura. Todos destinos do Imserso, aos que viaxara o suposto agraciado. El morreu sen sabelo. Reclaman o premio a muller e a filla.

En fronte, os irmáns Reija reclaman a honra que perderon hai catorce anos, por un boleto que os puido, e aínda pode, facer millonarios. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade