Galicia prohibirá gravar clases sen permiso e difundir exames nas redes, amais de limitar o uso pedagóxico do móbil
Galicia prohibirá gravar clases sen permiso e difundir exames nas redes, amais de limitar o uso pedagóxico do móbil
Galicia convértese tamén na primeira comunidade autónoma en regular o dereito á desconexión dixital do alumnado fóra do horario lectivo
A futura lei de educación dixital de Galicia prohibirá a gravación das clases sen autorización por parte das familias, dos alumnos ou de terceiras persoas alleas ao persoal docente. Así o recolle o anteproxecto, cuxa redacción acaba de ser rematada, e que a Xunta someterá agora a exposición pública coa previsión de que estea aprobada este ano.
Segundo explicou o xefe do Goberno galego, Alfonso Rueda, “salvo autorización expresa”, queda prohibida a gravación en audio ou vídeo das sesións da clase, titorías ou calquera outra actividade docente, tanto se son presenciais coma se se desenvolven por medios virtuais. Queda prohibida tamén a súa reprodución ou difusión mediante redes sociais, servizos de mensaxaría instantánea ou calquera outro medio
dixital.
No entanto, poderanse gravar clases e actividades con finalidade didáctica unicamente ou de seguimento académico, garantindo en todo caso o respecto aos dereitos fundamentais das persoas participantes. O presidente puntualizou que isto está pensado para casos "moi concretos" como, por exemplo, un alumno cego que non pode seguir a clase e pide gravala para despois facelo en casa, ou clases de instrumentos nos conservatorios.
O profesorado non poderá utilizar a título individual, en redes sociais ou medios dixitais persoais, imaxes, voz nin outros datos persoais do alumnado derivadas de actividades escolares, incluídos os exames, complementarias ou extraescolares, agás que exista autorización expresa.
Galicia, primeira comunidade en regular o dereito á desconexión dixital fóra do horario lectivo
A norma tamén reforzará a prohibición dos teléfonos móbiles nos centros educativos, unha medida pioneira no seu momento. Segundo explicou o presidente da Xunta, ata o de agora estaba prohibido o emprego dos dispositivos en todo o recinto escolar, pero permitíase o seu uso pedagóxico en todas as etapas educativas, cuestión que agora se acouta a partir de 3º de ESO.
Ademais, a través desta lei, Galicia convértese tamén na primeira comunidade autónoma en regular o dereito á desconexión dixital do alumnado fóra do horario lectivo. O uso dos medios dixitais en infantil e nos dous primeiros ciclos de primaria limitarase a un uso colectivo e o uso individual comezará a partir de 5º de primaria.
Así mesmo, a Xunta sostén que a lei "blinda que a actividade educativa dos estudantes se desenvolva en modo privado, garantindo que o proceso se realice en condicións de dignidade, privacidade e respecto no ámbito dixital".
Ademais, esténdese "á contorna dixital a condición de autoridade pública do profesorado" que xa opera na aula. A partir da entrada en vigor da nova lei de educación dixital, esta condición recoñecida xa na lei de convivencia e participación da comunidade educativa será igualmente aplicable ás interaccións e actividades que o profesorado desenvolva a través de medios dixitais no exercicio das súas funcións docentes.
Neste sentido, considerarase que o profesorado actúa no exercicio da súa autoridade pública en contornas dixitais cando a comunicación ou interacción en liña teña a súa orixe ou estea vinculada coas funcións educativas e orientadoras e que se realice a través de plataformas, ferramentas ou medios dixitais, habilitados, facilitados ou recoñecidos polo centro ou a Administración educativa, para fins docentes ou formativos.
A futura lei de educación dixital de Galicia exercerá, segundo o Goberno autonómico, "como un piar fundamental na consolidación do modelo galego de ensino híbrido", onde se combinan os recursos físicos coas novas tecnoloxías de xeito que "ambas convivan en harmonía e se complementen co fin de garantir a mellor formación do alumnado".