Publicador de contidos

Publicador de contidos

Á venda unha aldea enteira na Pontenova

Á venda unha aldea enteira na Pontenova

O núcleo de Vides consta de 17 edificacións, entre vivendas, hórreos ou alpendres, e véndese por 1.600.000 euros

Os edificios deste conxunto levan anos sometidos a rehabilitación
Félix Aragunde 02/03/2026 20:29

A aldea de Vides, na Pontenova, fora mercada na súa integridade en 2021 co obxectivo de crear un centro de acollida para menores con diversidade funcional. Cinco anos despois, este é o aspecto que amosa o lugar unha vez restaurado. Así e todo, os problemas de saúde da súa propietaria obrigárona a renunciar ao proxecto, polo que decidiu poñer á venda o núcleo enteiro. 

"O que quería miña nai, de toda a súa experiencia de traballo cos nenos, era transmitirlles ese coñecemento a outras persoas para que continuasen co ese labor. E como o proxecto se foi atrasando, xa non ten máis enerxía para seguir con el. Todo foi polo atraso coas obras, que fixo que acadase unha idade e non puidese proseguir", sinala Iván Pérez, fillo da dona da aldea

O conxunto, que ten un gran potencial como complexo de turismo rural, consta de 17 edificios, entre vivendas, alpendres e hórreos. En total, son 1.300 metros cadrados de superficie construída, aos que hai que engadir tres hectáreas de terreo.

"Para quen queira adquirir a aldea, se a quere dedicar ao turismo rural xa pode vir vivir aquí. Hai construcións xa realizadas, outras rehabilitadas e outras que quedaron como eran de orixe. E o bo é que aquí non vai ter que lidar con ninguén máis. Ao ser unha unidade, ti decides todo. Por exemplo, onde había casas de cemento miña nai quixo devolverlles a súa autenticidade", engade Iván. 

Situada a cinco quilómetros da Pontenova e á beira da N-640, a aldea véndese por 1.600.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade