Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un tremor de 5 graos sacode Granada e provoca danos materiais

Un tremor de 5 graos sacode Granada e provoca danos materiais

O sismo produciuse á 1:04 desta madrugada, con epicentro no municipio de Alhendín, a dous quilómetros de profundidade

As autoridades pídenlles aos cidadáns que manteñan a calma, que eviten entrar e saír de edificios e que se afasten de fachadas, cornixas ou muros ante o risco de desprendementos

O terremoto, seguido de quince réplicas, sentiuse en case toda Andalucía

Imaxe do Instituto Xeográfico Nacional Imaxe do Instituto Xeográfico Nacional
G24.gal 15/08/2026 03:05 Última actualización 15/08/2026 05:19

Granada volveu tremer esta madrugada cun terremoto de 5 graos de magnitude e con epicentro en Alhendín a só dous quilómetros de profundidade. Unha sacudida violenta, seguida de quince réplicas, que se produciu á 1:04 da madrugada, segundo informou o Instituto Xeográfico Nacional (IGN).

O sismo prolongouse durante varios segundos e espertou a milleiros de granadinos, que saíron á rúa alarmados. O servizo de emerxencias 112 de Andalucía recibiu máis de 200 chamadas e constatou danos materiais, principalmente por desprendementos e fendas en edificios. A área metropolitana de Granada é a zona máis afectada, especialmente localidades como Churriana ou Armilla, onde o concello abriu os parques e habilitou o pabillón deportivo para acoller os veciños, que teñen medo de volver para as súas casas. Ademais, no municipio de Las Gabias, as forzas de seguridade desaloxaron un edifico á espera de que se avalíe o estado da estrutura.

A Junta de Andalucía activou a fase de emerxencia en situación operativa 1 do Plan ante o Risco Sísmico. O goberno autonómico aconséllalle á poboación que manteña a calma e evite entrar e saír de edificios, manterse afastado de fachadas, cornixas, balcóns ou muros ante o risco de desprendementos.

É o cuarto tremor e o de maior magnitude que se rexistra nos arredores de Granada nas últimas horas. A sacudida sentiuse en varias provincias andaluzas.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade