Un terremoto de magnitude 4,2 con epicentro no Bierzo déixase sentir en varios puntos de Galicia
As autoridades non teñen constancia de danos persoais nin materiais
O sismo deixouse sentir no municipio coruñés de Teo e en varias localidades das provincias de Lugo e Ourense
Un terremoto de magnitude 4,2 con epicentro no municipio de Benuza, na comarca do Bierzo, deixouse sentir este xoves pola noite en centos de municipios da provincia de León e tamén en Galicia, segundo o Instituto Xeográfico Nacional.
O sismo rexistrouse ás 22:34 deste xoves, a unha profundidade de 10 quilómetros, tal como recolle tamén a páxina web do organismo, dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Tras el viñeron varias replicas na zona con magnitudes de entre 1,3 e 2,4 puntos, algunhas en superficie, o cal fixo que o tremor fose máis perceptible para a poboación.
A directora xeral de Protección Civil da Xunta de Castela e León, Irene Cortés, explicou a través de redes sociais que o tremor se deixou sentir en Ponferrada, Vilamartín da Abadía e Vilar dos Barrios, e en principio sen danos materiais nin persoas afectadas.
No IGN apuntan que se notou en numerosas localidades da comarca do Bierzo, pero tamén no leste de Galicia, en municipios como O Barco de Valdeorras e outros das provincias de Ourense e Lugo, ademais de en Asturias.
A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) informou de que o terremoto se deixou sentir en diversos puntos da comunidade autónoma galega. AXEGA recibiu avisos desde Lugo, Guntín, O Barco de Valdeorras, Teo, A Pobra do Brollón, Outeiro de Rei, Meira, Chantada, Padrenda e Sarreaus.