Un tremor de 7,7 graos dana 400 edificios en Panamá e deixa 27 persoas feridas
Tamén hai máis de 300 persoas evacuadas pero non se rexistraron vítimas mortais, segundo o informe oficial
REUTERS/Enea Lebrun
O terremoto de magnitude 7,7 graos na escala de Richter que sacudiu este venres Panamá deixa polo menos 27 persoas feridas leves, unhas 300 evacuadas e máis de 400 edificacións afectadas, sen que se rexistren vítimas mortais, segundo o último balance das autoridades panameñas.
"Os informes iniciais reflicten danos en vivendas, centros educativos, hospitais, igrexas, edificios gobernamentais, pontes e estradas en distintas provincias do país (...). Ata o momento non se rexistran persoas desaparecidas", informou o Sistema Nacional de Protección Civil (SINAPROC) nun comunicado.
Tras o tremor, con epicentro preto na localidade de Tonosí, rexistráronse máis dun cento de réplicas. O Instituto de Xeociencia de Panamá rebaixa a 7,5 a mangitude do sismo que o Servizo Xeolóxico dos EUA sitúa en 7,7.
Segundo o informe oficial, gran parte do país quedou afectado en maior ou menor medida. Hai 142 vivendas danadas, catro edificios residenciais, 188 centros escolares, 20 instalacións sanitarias, 26 edificios gobernamentais, 13 igrexas, sete hoteis, nove pontes e múltiples tramos viarios.
Na provincia de Los Santos, no suroeste do país, tiveron que evacuar 300 persoas nunha comunidade costeira ante o incremento do nivel do mar, e cinco poboacións permanecen incomunicadas por danos en pontes, estradas e corrementos de terra.