Unha empresaria de Riós aluga un hotel enteiro para aloxar os seus empregados retornados
No establecemento viven agora os traballadores dunha área de servizo da N-525, máis da metade do Plan Retorna da Xunta
Os retornados viven de xeito temporal no hotel ata que poidan alugar ou mercar unha vivenda
As dificultades para atopar vivenda no rural levaron unha empresaria do concello ourensán de Riós a alugar un hotel enteiro para aloxar os seus empregados. O establecemento, que levaba anos pechado, serve agora de residencia temporal para familias de retornados.
O hotel Catro Ventos das Ferriras, en Riós, vive unha segunda vida. De atender os usuarios da antiga nacional 525, a aloxar os empregados da área de servizo da autovía das Rías Baixas. Un negocio próspero, con setenta traballadores, máis da metade do Plan Retorna da Xunta.
"Chegas con seguridade, chegas cun traballo e chegas a un lugar onde podes descansar, durmir e non estar a intemperie", asegura o cubano Reysel Yáñez.
El foi un dos primeiros en chegar. Agora xa ten casa, en alugueiro, o mesmo que Dayan, que agarda a chegada da súa familia.
"Teño que traer a miña familia: un bebé de sete meses e a miña esposa", di Dayan Andrés.
O hotel é, din, unha solución transitoria. A aspiración é ter unha vivenda onde reunir a familia "para ter máis tranquilidade e máis intimidade", asegura Dayan Andrés.
Para Isabel Estévez, a empresaria, a reagrupación familiar é clave tanto para a estabilidade laboral do seu negocio como para o repoboamento do rural.
"Somos unha empresa familiar e tratamos de axudar todo o que podemos, pero claro, nós non podemos obrigar a xente a que lles alugue unha vivenda ou llela venda con dereito a compra. Tentamos axudalos a xestionar, a falar coa xente, dicir que son boa xente e que traballan con nós", afirma Isabel Estévez.
A empresaria Lamenta a escaseza de vivendas en alugueiro no rural e as dificultades de transporte.