Convocada nova folga de supermercados na Coruña para os días 15, 16 e 17 de agosto
Os sindicatos afirman que a protesta é en resposta "ao bloqueo da patronal" á negociación do convenio colectivo
ASAC acusou aos representantes dos traballadores de rexeitar catro propostas de mediación
CIG (Arquivo)
Os sindicatos CCOO, CIG, UXT e USO convocaron tres novas xornadas de folga da distribución e a alimentación na provincia da Coruña para os próximos días 15, 16 e 17 de agosto.
As agrupacións sindicais aseguran que é a resposta ao bloqueo da patronal á negociación do convenio colectivo, explican a través dun comunicado.
O sector xa tivo varias xornadas de folga hai varias semanas para desbloquear, segundo os sindicatos, as negociacións do convenio colectivo provincial, pois acusaron a patronal de non mellorar as súas propostas, coas friccións vinculadas aos soldos e ás xornadas laborais.
Traballadores piden unha subida por enriba do IPC
Os sindicatos dixeron en xullo que a patronal moveu "un mínimo a súa proposta económica, pero sen garantir o que reclaman os traballadores que é unha subida por encima do IPC", polo que as posturas "están moi afastadas".
Os paros afectaron ás tres principais empresas galegas de distribución alimentaria: Gadisa, Froiz e Cuevas; con 16.000 postos de traballo.
A patronal di que as centrais rexeitaron 4 propostas
A Asociación de Supermercados, Autoservizos Almacenistas e Distribuidores de Alimentación da Coruña (ASAC) asegurou que a súa oferta contempla "incrementos salariais acumulados próximos ao 10 % nos próximos catro anos, mecanismos de protección fronte a desviacións do IPC durante toda a vixencia do convenio, novas medidas de conciliación en materia de licenzas retribuídas, lactación, horarios e fins de semana de calidade, así como outras melloras sociais e organizativas".
ASAC acusou as agrupacións sindicais de rexeitar catro propostas de mediación.