Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia necesita 2.500 novos traballadores ao ano para poder manter a actividade na construción

Galicia necesita 2.500 novos traballadores ao ano para poder manter a actividade na construción

Patronal e sindicatos coinciden en que os horarios e a dureza do traballo complican o reclutamento de profesionais

O sector leva anos incorporando migrantes e agora tamén tenta atraer as mulleres

G24.gal 02/09/2026 14:34

Hai poucas caras novas na obra. A falta de persoal é unha carga cada vez máis pesada na construción. Empresas e sindicatos coinciden: dende hai anos non chegan traballadores para reemprazar os que marchan.

En Galicia xubílanse de media uns mil cincocentos cada ano e o sector calcula que necesitaría moitos máis só para poder manter a actividade ao ritmo actual, sen posibilidade de crecer.

"Precisariamos arredor de dúas mil cincocentas persoas ao ano só para poder manter este deficitario crecemento", asegura Fernando García Novo, o xerente da Fundación Laboral da Construción de Galicia.

E non é só unha cuestión de cantidade senón que faltan profesionais cualificados. Hai múltiples motivos: a construción segue a ser un traballo relativamente duro, con xornadas partidas e horarios longos. E aínda que os salarios foron subindo, non é suficiente para atraer a xente nova.

"Non é un sector atractivo para a xente nova. A xente nova prefire traballar nunha industria, nunha fábrica, e facer oito horas e logo marchar á súa casa", engade Ricardo Arias Alén, o novo secretario comarcal da Construción da CIG na área de Vigo.

As empresas levan anos traendo novos acentos ás obras. Nas do sur de Galicia, sobre todo, hai anos que é habitual escoitar traballadores portugueses. Ultimamente tamén se están a incorporar profesionais de América Latina, migrantes que viñeron facer unha nova vida a Europa. O sector, agora, quere atraer as mulleres.

"Temos que traballar tamém para que muller vexa o sector como un sector atractivo", apuntan dende a Fundación Laboral da Construción.

"Temos que facelo atractivo porque neste sector agora non se pode conciliar", confirman dende a CIG.

Atopamos outra resposta nalgúns dos novos edificios que se están levantado por toda Galicia. A construción industrializada esixe menos xente na obra porque unha boa parte do traballo se fai antes, na nave.

"Vou máis a favor de cambiar o sistema de construción. Se hai menos xente, apostar polo sistema de módulos prefabricados", opina Artur Ferreira, un veterano obreiro portugués que traballo varios anos en Alemaña e agora é xefe de obra da construtora Xac nun proxecto no barrio de Navia, en Vigo.

Ademais a prefabricación, normalmente, é un traballo menos duro. Faise a cuberto e con axuda de moita maquinaria. E iso tamén pode tirar máis da xente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade