OPINIÓN
Persoas. Sobre todo, ante todo, por María Bastida
Hoxe non me sinto capaz de falar de economía. Sinceramente, despois do que vivimos onte cústame moito poñerme a falar de crecemento, de inflación ou de mercados. Creo que hoxe estamos todos pensando noutra cousa. Nas vítimas, nas súas familias, nesas persoas que saíron da casa pensando que ían ter un día calquera e que nunca chegaron ao seu destino. E creo que hoxe toca, sobre todo, acompañar. Respectar a dor das familias, agradecer o traballo de quen está axudando e deixar que se esclareza o sucedido.
Pero tamén creo que chegará o momento de falar. E teremos que facelo. Porque o respecto ás vítimas tamén esixe saber que pasou, por que pasou e, sobre todo, que podemos facer para evitar que volva suceder. E aí, aínda que hoxe non sexa o día, a economía tamén terá algo que dicir. Teremos que falar de investimentos, de mantemento, de prioridades e, por que non, do custo que ten para un país funcionar durante anos cuns orzamentos prorrogados.
Non porque saibamos que iso teña relación co sucedido. Non o sabemos. Senón porque as decisións económicas teñen consecuencias. E as decisións que non se toman, tamén. Pero iso será outro día. Haberá tempo para analizar, para preguntar e para esixir respostas. E haberá que facelo, precisamente, por respecto a quen hoxe xa non está.
Hoxe, de verdade, creo que o único importante son as persoas. Somos as persoas. Todas. Por unha vez, unidas.