A OCU calcula que se poden aforrar 1.300 € ao ano na compra elixindo supermercado
Os prezos subiron un 1,8 % no último ano pero aínda non reflicten o impacto da guerra en Irán
Un hipermercado de Vigo volve figurar como o establecemento máis barato de España
Os prezos marcan. A Organización de Consumidores e Usuarios asegura no seu informe anual sobre supermercados que se poden aforrar ata 1.310 euros ao ano ao elixir en que establecementos se fan as compras.
A OCU explica que analizou os prezos de 244 produtos en case setecentas tendas, físicas e con venda en liña. A primeira conclusión é que a cesta da compra segue subindo en España, un 1,8 por cento, malia que aínda non reflicte o impacto da guerra en Irán.
A segunda dedución é que, comparando supermercados, hai notables diferenzas de prezos. O aforro anual medio entre comprar no establecemento máis barato e o máis caro pasa dos 1.300 euros. Iso é un vinte por cento do gasto anual medio na compra, que chega aos 6.602 euros en España.
Hai que ter en conta que hai grandes diferenzas segundo as cidades: nalgunhas hai moi pouca diferenza porque alí a gama de supermercados é limitada e nas cidades máis grandes, en cambio, as distancias entre as tendas máis caras e as máis accesibles son moi importantes. Por iso, a maioría das cadeas aperta forte na carreira de prezos, con ofertas para enganchar os clientes.
"Por exemplo, collemos a oferta dun euro no suavizante, no xabón, no fregacháns... Eses céntimos que baixan, queiras ou non, axudan moito na cesta da compra", mostra unha parella que percorre co carriño un hipermercado de Vigo.
"Facemos unha compra aquí, outra compra noutro sitio, segundo os produtos máis baratos que haxa en cada sitio", completa un mozo que carga alimentos debaixo de cada brazo.
Segundo a OCU, un hipermercado de Vigo, o Alcampo do barrio de Coia, volve figurar como o supermercado máis barato de España, xunto con outra tenda do mesmo grupo en Valencia. O estudo, con todo, revela que os prezos soben en todas partes: en cinco anos os alimentos encarecéronse un 39,5 %.
E só no último exercicio houbo produtos que se dispararon: os que máis, os tomates, que son un 33 % máis caros. E non todos poden elixir. A suba dos prezos ten o seu prezo: os consumidores máis vulnerables teñen que renunciar a alimentos de calidade para mercar outros máis baratos.
"En núcleos familiares amplos e, sobre todo, onde as economías son un pouco limitadas isto pode desprazar alimentos de moi boa calidade nutricional cara a alimentos de menos custo pero que realmente teñen unha repercusión mala na saúde", alerta Lucia Terzi, nutricionista clínica.
As empresas tratan de protexer a súa propia saúde intensificando as accións na guerra de prezos. Segundo a OCU, no último ano a maioría dos supermercados subiu os prezos menos ca o IPC e hai algúns que mesmo os baixaron.