Podes ser demandante de emprego traballando
O SEPE de ámbito estatal e os Servizos Públicos de Emprego Autonómicos comparten oficina, pero non competencias
O Servizo Público de Emprego ofrece orientación laboral, formación e acceso a bolsas de emprego público
O SEPE encárgase do recoñecemento das prestacións por desemprego
En todo o territorio galego hai repartidas 54 oficinas de emprego en que comparten espazo o Servizo Público Estatal e o Autonómico e cada quen ten as súas competencias.
"Realmente o SEPE leva as funcións de prestacións, leva o recoñecemento de prestacións e a parte da Xunta que é a parte de oficina de emprego leva a parte de orientación, ofertas de emprego, xestión do currículo", explica Santiago Boquete, subdirector do Servizo Público de Emprego de Galicia.
Estar inscrito no servizo de emprego non significa estar parado, hai moitos en activo.
"Todo o mundo pensa que significa que estás desempregado pero non é certo. Inscribirse no Servizo Público de Emprego significa que estás buscando emprego e cando estás buscando emprego podes estar desempregado ou ocupado", engade.
E facelo estando ocupado ten moitas vantaxes sobre todo para quen busca unha mellora laboral.
"Ten unha chea de formación de balde que che dá un certificado profesional. O certificado profesional implica que é unha acreditación profesional que é válida en todo o territorio nacional", continúa Santiago Boquete.
Tamén contan con orientación laboral. Celia é unha das 450 orientadoras que hai en toda a comunidade. Traballa na Fundación Amigos de Galicia e colabora man con man co Servizo Público de Emprego.
"Esa formación xeralmente ten prácticas laborais, aínda que sexa para ocupados, aínda que sexa de menos horas de prácticas laborais adoita telo e entón é un xeito de coñecer outras empresas, coñecer outros sectores en moitas persoas e ver os novos sectores máis propicios que van abríndose, novas tecnoloxías, informática...", puntualiza Celia Barbazán, orientadora laboral na Fundación Amigos de Galicia.
"Por outro lado tamén tes acceso ás ofertas que xestiona o Servizo Público de Emprego e por último a todos os programas públicos de emprego dos concellos, das deputacións, da Comunidade Autónoma e mesmo sesións grupais que estamos organizando agora coas principais empresas de Galicia", relata Boquete.
Os demandantes en activo, igual que os desempregados, tamén teñen que renovar tarxeta e deben facelo cada tres meses.
"Pero a diferenza de antes que había que ir de 9 a 11 á oficina de emprego, agora pódese facer por Internet. Agora podes facelo ou chamando por teléfono ao 012 ou no Portal de Emprego de Galicia, metendo o DNI e un pin e en 2 minutos tes a demanda renovada", conclúe o subdirector.