Arrinca a vendima máis madrugadora de Valdeorras
A calor deste verán adiantou a maduración
Prevén coller máis de oito millóns de quilos, de calidade excelente
Desde primeira hora da mañá comezan os traballos nos viñedos de Córgomo, en Vilamartín, aproveitando as horas máis frescas do día. Nunca antes empezara a vendima en Valdeorras na segunda semana de agosto.
"É a vendima máis temperá da nosa historia e é unha historia de catro xeracións dedicadas á agricultura. É un fito e para nós é un reto. Veu moita calor nestas últimas semanas e adiantouse o ciclo", explica Raúl Prada, da adega Valdesil.
A chuvia veu cando debía, abundante na primavera, e o verán non foi tan duro como poida parecer, o que garante a calidade da uva.
Marcos Prada Ginzo, presidente do CRDO Valdeorras: "As noites non foron tan calorosas, mantívose unha temperatura constante de 22-23 graos o que axudou a madurar a uva. Un ano extraordinario en todos os sentidos, hai cantidade, bo tempo para a vendima...".
Agardan superar a colleita do ano pasado e chegar aos oito millóns e medio de quilos.
"Imos seleccionando as uvas, apartando as que están secas ou podres", sinala unha das traballadoras.
Parte desta uva, a escollida, vaise destinar á produción de viño tostado. Unha tradición que están recuperando nesta adega e que require un secado da uva e coidados especiais.
"Agora só hai que engadir tempo, paciencia, mentres se van deshidratando os acios. Hai que vir todos os días, retirando os bagos que se van contaminando e facer medicións todas as semanas para facer o prensado no momento óptimo", explica Raúl, de Valdesil.
Este outono sacarán a primeira edición de tostado, da vendima do ano pasado.