Os viticultores denuncian a baixada dos prezos da uva nunha vendima excepcional
Piden a inspección dos contratos coas adegas para que o modelo galego, de pequenos e medianos produtores, sexa sostible
Tras unha vendima histórica en cantidade e calidade (recolléronse 77 millóns de quilos de uva) os viticultores galegos non fan un balance positivo da campaña de 2026. Cada vez o mercado demanda menos viño e os prezos da uva están a caer. En Galicia, por exemplo, hai anos que as adegas chegaban a pagar a 3 euros o quilo de uva albariña; este baixaron e pagaron entre 1,30 e 1,70 euros por quilo.
"Un grupo importante de adegas tentou recoller só o 70 %. A uva acabaron por recollela toda. Pero o 30 % restante collérona mesmo a prezos inferiores e fóra de contrato", declarou Carlos Basalo, responsable de Agricultura de Unións Agrarias
Os representantes dos viticultores din que denunciarán estes casos ante a Axencia de Control Alimentario, a AICA, ao tempo que piden á Xunta que estableza os custos de produción e inspeccione os contratos para que nunca se poida pagar a uva por baixo dese custo.
UU.AA defende un modelo de viticultura que favoreza as explotacións pequenas e medianas e o asentamento da poboación rural
Explican que zonas como Bordeos, California ou o Douro están a arrancar cepas porque o consumo mundial de viño caeu drasticamente.
"O consumo de viño baixou á época de 1957. Temos o consumo deses anos, pero con moita máis poboación. Así que non podemos seguir medrando incontroladamente, porque podemos atoparnos axiña co que xa pasa noutras D. O. de España. Nós vemos viños nos lineais do supermercado a 2 euros. En Rueda ou A Mancha producen todo mecanizado, pero eses prezos... aquí son os custos de produción", lamenta Carlos Basalo, responsable de Agricultura de Unións Agrarias.
Din que non queren para Galicia un modelo que subvencione destilar excedente, senón un que deixe beneficios aos pequenos e medianos viticultores e que, ademais, favoreza o asentamento no territorio e o turismo.