Publicador de contidos

Publicador de contidos

A adega situada máis ao norte da Península acomete a súa primeira vendima

A adega situada máis ao norte da Península acomete a súa primeira vendima

Na adega, situada no concello mariñao do Valadouro, agardan recoller uns mil quilos de godello e albariño

Acios de uva albariña recollidos nas viñas da adega mariñá
Félix Aragunde. Imaxe: David Barreiro. 22/09/2026 14:12

As viñas da adega A Azoreira, no Valadouro, son as máis setentrionais da Península. Constan de case catro hectáreas, e nas que xa teñen tres anos están a realizar a primeira vendima de relevancia. O seu dono agarda colleitar uns mil quilos de albariño e de godello.

"Despois de cinco anos de traballos e de coidados, eu estou moi contento con esta produción, porque significa algo diferente para O Valadouro e para A Mariña. Hai máis dun século cultivábase viño, que se exportaba a Cataluña e a outros sitios, e agora quedan as parras privadas das casas, sen un desenvolvemento. Espero que con esta iniciativa, a veciñanza teña un pouco máis de ánimo para buscar algo novo", indica o adegueiro Antonio Seijas. 

"O cambio climático está adiantando cada vez máis as vendimas en todas as zonas produtoras de viño. Nós buscamos unha zona próxima ao mar coas condicións climatolóxicas e edáficas de décadas atrás", engade o enólogo Carlos Blanco. 

O proxecto é froito da colaboración entre esta adega mariñá e a ourensá O Rexurdir, con presenza nas Rías Baixas e no Ribeiro. Nunha primeira colleita experimental puideron comprobar a excelente calidade dos viños.

"Uns viños cunhas acideces equilibradas, frescos e moderados en gradación alcólica, que é o que está bucando o mercado. E tamén tratar de atrasar as vendimas a finais de setembro, para que esa frescura permaneza nos viños e que esa lenta maduración lle achegue unha sutileza. O ano pasado xa elaboramos algunhas botellas de aquí e descubrimos que unha finura e unha elegancia nos viños, que son moi fluídos", sinala Blanco. 

En vista do resultado, na adega xa contan con seguir a ampliar as viñas. E ademais de substituír eucaliptos por vides, prevén plantar na contorna máis castiñeiros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade