Faltan traballadores no sector loxístico e do transporte
O sector da loxística e do transporte precisa man de obra cualificada e acaba de por en marcha unha plataforma de emprego que conecta os profesionais coas demandas das empresas: talento.galicialogistics.com
O aumento das exportacións en Galicia e do tráfico de mercadorías require de profesionais formados en comercio internacional e loxística.
O tráfico de mercadorías no primeiro semestre do ano no porto de Vigo superou os 2 millóns de toneladas. É unha mostra do que teñen que xestionar as empresas de loxística e transporte que cada día conseguen manexar importacións e exportacións no país segundo a demanda da industria e dos consumidores.
"Galicia leva moitos anos medrando en exportacións e en movemento de mercadorías internacionais. Os nosos portos son un claro exemplo de como ese movemento loxístico está medrando cada vez máis. Están cambiando as cadeas de subministración e está cambiando a forma en que operan as empresas. Con ese incremento de movemento loxístico fai falta máis persoal, é unha relación directa", explica Iago Domínguez, xerente do Cluster da Función Loxística de Galicia
Á carencia de relevo xeracional en profesións como a dos transportistas que xa se arrastra desde hai anos, súmase nos últimos tempos a demanda de persoal para postos operativos e administrativos.
É preciso persoal para os traballos máis operativos de almacén, de clasificación e almacenamento e tamén para traballos técnicos de oficina de trámites de exportación e importación, documentación aduaneira, programación de expedicións", explica Domínguez
Ante isto desde o Clúster da Función Loxística de Galicia activaron unha ferramenta dixital para xestionar as ofertas de emprego.
Na nova plataforma os candidatos que queren traballar ou buscar unhas prácticas poden subir a súa candidatura para que a empresa a consulte. En cuestión de días xa estamos por enriba das 100 persoas que buscan esa oportunidade.
Tamén as empresas que buscan profesionais poden publicar nela as as súas ofertas.