Compañías loxísticas usan software galego para obter alternativas ao bloqueo de Ormuz
Empresas como Kaleido, que transportan mercadorías por todo o mundo, usan o programa deseñado pola porriñesa Visual Trans para xestionar os fletes na zona de conflito
O conflito bélico ten impacto directo tamén nas empresas galegas, como as de loxística, afectadas polas restricións no espazo aéreo e o peche do estreito de Ormuz. Unha compañía do Porriño deseñou un software que lles permite adaptarse ás dificultades para o transporte.
Nun escenario de guerra como o que agora acontece no golfo Pérsico, co peche do paso estratéxico de Ormuz, as dificultades para o transporte marítimo son maiúsculas. Un problema serio ao que se enfrontan as empresas de loxística que operan na zona.
"Barcos que non poden saír do porto, porque non teñen aínda un porto de destino alternativo, que non implique pasar pola zona do estreito de Ormuz, son situacións que nos atopamos todos os días", comenta Ana Penas, Xestora de proxectos de Kaleido, empresa consignataria con sede en Vigo e terminais en medio mundo, dedicada ao transporte de mercadorías e contedores.
"No canto de ir polo estreito, os buques teñen que dar toda a volta por Sudáfrica, e iso implica un retraso duns vinte días, ademais do sobrecusto nos fletes", apunta José Antonio Vilán, responsable de produto en Visual Trans, compañía tecnolóxica instalada no Porriño que deseña software específico para emrpesas loxísticas e transitarias.
Milleiros de barcos cargados de mercadorías, que viaxan dentro ou fóra dos contedores, móvense dende o porto de Vigo cara todo o mundo. Saber onde están en cada momento é vital para que a carga chegue a destino nas mellores condicións.
"Contamos coa nosa propia ferramena de software que nos permite monitorizar a carga, saber en todo o momento onde se atopa. E en base a iso tomar decisións con información", di Ana Penas.
Un programa de xestión loxística deseñado por unha compañía radicada no Porriño permite axilizar a busca de alternativas, co menor custo en prezo e tempo, para garantir as entregas.
"Os contedores están identificados, teñen cada un a súa matrícula. Sábese onde se cargan, en que barco se transportan e cara onde se dirixen. E iso é o que fai o software, conectarse a sistemas e con eses datos somos capaces de predicir a hora estimada en que vai estar a mercadoría de verdade", relata José Antonio Vilán.
Un tráfico tan intenso que sen a axuda da informática sería inmanexable.