O Grupo Lence roza os 300 millóns de euros de facturación en 2025
A empresa galega incrementou as vendas, investiu 5,9 millóns na modernización das súas plantas e ampliou o persoal
Lence
O Grupo Lence pechou o exercicio 2025 cunha facturación de 297 millóns de euros, un 4,2 % superior á do ano anterior. A compañía, con sede en Lugo, atribúe estes resultados á súa aposta pola innovación, a eficiencia industrial e a modernización dos procesos produtivos.
O volume de produto elaborado e comercializado medrou un 5,24 % durante o último ano. As marcas Leyma e Río de Galicia mantiveron o seu posicionamento no mercado, mentres que Optimilk rexistrou un incremento do 25,8 % en volume, consolidándose como un dos motores do crecemento do grupo.
Investimentos e emprego
Ao longo de 2025, a empresa investiu 5,9 millóns na incoporación de nova maquinaria e na modernización das súas instalacións. Este investimento enmárcase no plan 2025-2027, dotado con 20 millóns de euros para reforzar a capacidade industrial e a competitividade da compañía.
O cadro de persoal aumentou ata os 249 traballadores, 29 máis ca no exercicio anterior. O grupo destaca tamén a súa aposta polo talento feminino, con 62 mulleres na empresa, das que 15 ocupan postos de responsabilidade.
Grupo Lence mantén relación con máis de 250 explotacións gandeiras galegas e transforma en Galicia a totalidade do leite que recolle. Coincidindo co seu 50 aniversario, a compañía impulsou diversas iniciativas de apoio ao rural e á remuda xeracional, ademais de celebrar distintas accións conmemorativas.