Castro Caldelas acolle unha nova edición do Foro Rural Sustentable
O encontro reúne a máis dun cento de entidades, empresas e profesionais enfocados a atopar propostas que contribúan a un rural próspero e sostible
Durante toda a xornada hai ademais mesas de traballo sobre emprendemento , vivenda ou formación
Avanzan os tempos e con eles a tecnoloxía como ferramenta ao servizo do territorio.
"A tecnoloxía pode ser un habilitador para que se xenere nova riqueza como país no ámbito rural. E de feito estámolo facendo non só no sector das tecnoloxías máis estractivas, sector gandeiro, mar... senón que se poden xerar novos negocios que a tecnoloxía permite que sexan rendibles a nivel global.", explica Fernando Giménez Míguez, xerente do centro tecnolóxico Gradiant.
Aquí tamén identifican ferramentas para as diferentes realidades do rural galego que contribúan por exemplo a fixar poboación.
" Aínda segue a ser un rural no que hai xente moi activa, moi innovadora. Ser quen de fortalecelos a eles que xa están traballando, daría noito pulo a que outras persoas se animaran a quedar a vivir.", apunta Eva González, coordinadora do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia.
De identificar e replicar o que xa funciona encárgase a Fundación Galicia Sustentable, organizadora do Foro. Así o explica Marcos Pérez, o seu director:
" Traballamos nas solucións e nutrímonos das solucións que xa funcionan actualmente. O que tramos de facer é que se poidan replicar e que así vaiamos revertindo pouco a pouco a tendencia negativa que ten actualmente o rural para que poidamos ter un rural próspero e traballar pola súa sustentabilidade."
E para que ese futuro sexa posible, a formación din, é clave.
" Ten que ir orientada o emprendemento no propio territorio. Para quedar hai que ter formación e proxecto e dende os centros educativos creo que hai que alentar, hai que traballar un pouco nesa perspectiva.", conclúe Luís García, director do EFA Fontebea.
O foro desenvólvese cada ano cun compromiso de continuidade e de seguir traballando dende dentro con aqueles que xa están a transformar o territorio.