Boas perspectivas de ocupación nas casas de turismo rural para a Semana Santa
Desde o sector din que a ocupación vai a bo ritmo, e agardan que a previsión de bo tempo impulse as reservas de última hora
Desde a Federación Galega de Turismo Rural din que as previsións de ocupación para a Semana Santa son boas. Un exemplo é o dunha casa situada en Cornide, no concello de Teo, moi próxima ao Camiño portugués. Teñen 32 prazas e un 80 por cento xa están reservadas. A previsión de bo tempo axuda ao optimismo.
"Moi opimistas por dúas cousas. A primeira, o tempo: a previsión do tempo, despois de varios anos con chuvia na Semana Santa, aparenta que vai ben. Ter esta previsión de bo tempo anima as reservas. Nos aquí na casa de Cornide e nas Vilas do Noroeste temos un altísimo nivel de ocupación, con reservas desde hai xa mes e medio", explica Alberto Blancco, director xerente da Casa Grande de Cornide.
Desde o sector do turismo rural din que na Semana Santa reciben, sobre todo, turistas do norte de España, de Madrid, de Cataluña e de Portugal. Unha gran porcentaxe das reservas son de peregrinos que aproveitan estas datas para facer o Camiño.
"Movemos grupos de xente de Madrid ou, por exemplo, de Portugal, xa que estamos moi preto do Camiño portugués, e tamén moito americano e moito inglés que fan o Camiño", este Camiño portugués que está moi de moda", di o director xerente da Casa Grande de Cornide.
Na Semana Santa son habituais as reservas de última hora condicionadas pola previsión meteorolóxica. O primeiro avance da AEMET apunta a que será unha Semana Santa sen chuvia.