A Torre de Hércules estrea iluminación e sendas máis accesibles no marco do Plan Xacobeo
O director de Turismo, Xosé Merelles, explicou que é un proxecto co que a Xunta "mellorou e actualizou o faro aos novos tempos"
A nova iluminación permitirá ofrecer opcións decorativas e dinámicas para acompañar as celebracións e actividades socioculturais
A mellora dos carreiros que rodean a torre agora son máis seguros, máis duradeiros e máis accesibles
A Torre de Hércules estreou nova iluminación eficiente e mellorou os carreiros que rodean o monumento coruñés, dúas actuacións impulsadas pola Xunta no marco do Plan Xacobeo Next Generation.
O director de Turismo, Xosé Merelles, manifestou que é un proxecto co que a Xunta "mellorou e actualizou" o faro "aos novos tempos a través de traballos que a fan máis accesible e eficiente".
No que se refire á iluminación, esta supón unha renovación completa do sistema ornamental de monumento, cuxos equipos LED de última xeración distribúense polas súas fachadas. Esta mellora, alén de realzar a arquitectura do monumento durante a noite, "permitirá ofrecer opcións decorativas e dinámicas para acompañar as celebracións e actividades socioculturais" que se desenvolven ao longo do ano, explicou Merelles nun acto no que estivo presente o concelleiro de Turismo, Gonzalo Castro.
A segunda das actuacións inauguradas é a mellora dos carreiros que rodean a Torre de Hércules, que son "máis seguros, máis duradeiros e, sobre todo, máis accesibles". A actuación permitiu habilitar un percorrido continuo, que pode ser máis accesible desde a glorieta ata a costa, cara ao mar, ampliando puntualmente a súa anchura sempre coa máxima sensibilidade cara á zona protexida.
Castro indicou que "a colaboración entre administracións é fundamental para seguir avanzando na protección, conservación e posta en valor dun patrimonio excepcional como a Torre de Hércules", polo que este proxecto "é un exemplo de como o traballo conxunto permite mellorar os espazos públicos e ofrecer unha mellor experiencia tanto á cidadanía como ás persoas que visitan A Coruña".
Tal e como se acordou co Concello da Coruña, e para non interferir nas visitas á Torre de Hércules durante o verán, a partir do mes de setembro completarase este proxecto previsto para a Torre de Hércules, que conta cun orzamento global de máis de 900.000 euros, co resto de actuacións previstas, orientadas neste caso ao coñecemento arqueolóxico do xacemento e á conservación dos seus elementos estruturais, dentro dese proxecto integral de mellora do monumento.