Publicador de contidos

Publicador de contidos

A escritora Eli Ríos denuncia unha agresión verbal e intimidatoria duns homes na Coruña: "Foi terrorífico"

A escritora Eli Ríos denuncia unha agresión verbal e intimidatoria duns homes na Coruña: "Foi terrorífico"

Ríos xa presentou denuncia ante a Policía Nacional 

Local social de Elviña onde ocorreron os feitos denunciados por Eli Ríos. TVG.
G24.gal 25/09/2026 16:18

Contra as catro e media da tarde deste martes, unha cuadrilla de 24 amigos celebraban nunha terraza, a carón do local social de Elviña, na Coruña, a festa de aniversario dun deles.

A vítima, a escritora Eli Ríos, conta que tiñan un amplificador de son, que a molestaba para traballar, así que decidiu baixar para pedirlles que o retirasen, e foi nese momento cando asegura que sufriu unha agresión verbal e intimidatoria.

"Sempre fun cun por favor e cun sorriso porque pensei que eran seres racionais cos que podías falar. Pois levantáronse catro homes que se puxeron a tres centímetros da cara a protestar e a insultar. Foi unha situación bastante dura, que catro homes te estean a rodear, foi moi desagradable", asegura a escritora.

Ríos di que unha das testemuñas conseguiu poñer calma e ela subiu de novo para a súa oficina. Asegura que atrás dela foi un dos homes e comezou a increpala.

"Díxome que me ía ensinar como se pechan as portas e deu un portazo que non rompeu o cristal de milagre, e estivo alí varios minutos insultándome, chamándome "saco de merda", pero non vou repetir os insultos porque foi unha cousa terrorífica e estaba atrancando a única saída da oficina", engade.

A escritora explica que se agochou detrás do escritorio ata que o home saíu da oficina.

"Cando se cansou de insultarme, de aterrorizarme, pechou a porta e marchou. Eu esperei un minutiño, en plan marcho de aquí, vou buscar alguén, e cando abro a porta estaba esperándome o home no corredor e vén correndo cara a min berrándome que pechase a porta. Nese momento decidín non moverme de aí ata que chegase o meu compañeiro de traballo".

Un dos homes dos que fala Eli tamén quixo dar a súa versión dos feitos.

"Díxenlle: ti es das feministas progresistas que che tocan e xa os acusas de violación. Dixen dúas expresións en inglés (...). E díxenlle: se pechas a porta xa non escoitas ningún ruído. Eu despois subín á oficina e comigo veu outro", afirma Manuel Seoane.

Eli Ríos xa denunciou o acontecido ante a Policía Nacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade