Publicador de contidos

Publicador de contidos

O home sen teito agredido nunhas galerías pide que os mozos condenados entren en prisión

O home sen teito agredido nunhas galerías pide que os mozos condenados entren en prisión

Dous dos agresores non pagaron aínda os 1.300 euros que pactaron para evitar seis meses de cárcere

O colectivo As Ninguéns constata que está aumentando o discurso do odio cara as persoas desfavorecidas

Carlos Antonio Gonçalves percorre as galerías nas que durmía cando foi agredido por un grupo de mozos en marzo de 2025
G24.gal 18/09/2026 14:33

Nin reparación, nin exemplo. Carlos Antonio Gonçalves pide o ingreso en prisión para dous dos mozos, os dous que daquela eran adultos, que o agrediron cando durmía nunhas galerías comerciais da rúa Urzáiz, en Vigo.

O del foi o primeiro caso de aporofobia, odio ou medo á xente pobre, xulgado na cidade. O caso pechouse cun acordo de conformidade polo que os dous mozos evitaban entrar en prisión (foron condenados a seis meses de cárcere) a cambio de pagaren unha indemización e faceren un curso de reeducación. 

Os condenados tiñan que pagar 1.300 euros entre os dous, en dous prazos. Pero en agosto non aboaron nada e Carlos requiruille ao seu avogado que solicitase que entren en prisión. O letrado, e tamén a Fiscalía, xa lle pediron á Audiencia Provincial de Pontevedra que fixe unha data para o ingreso no cárcere. Están agardando resposta.

"Eu estou afeito a non ter cartos e a verdade é que, por mil trescentos euros, prefiro que entren no cárcere e que aprendan a facer as cousas ben", asegura Carlos Gonçalves na porta das galerías onde foi agredido en marzo de 2025.

Carlos durmía nas galerías cando foi agredido por un grupo de cinco mozos. Cuspíronlle, lanzáronlle moedas e un deles, ao final, tamén o golpeu. Os colectivos que axudan ás persoas sen teito en Vigo din que, dende aquela, tiveron constancia dalgunha agresión máis a persoas que viven na rúa pero que, sobre todo, está aumentando a hostilidade verbal.

"Que vaian traballar, que son lixo humano... Se teñen algún problema de drogadicción, que son uns xonquis... Ese discurso do odio que prolifera", asegura Davis Prieto, presidente e coordinador do foro socioeducativo As Ninguéns.

"Non podes criticar unha persoa que está sentada ou que dorme na rúa. Ti, se quedas sen traballo, en tres meses, hoxe ris e mañá es ti o que está aí sentado. Por que non escoitades a xente?", reflexiona Juan Carollo, un activista a prol das persoas sen teito que leva tres meses en folga de fame diante do Concello de Vigo para reclamar que o goberno municipal e a Xunta colaboren e cumpran os compromisos para atender a xente desfavorecida.

De momento, Carlos Gonçalves está nun albergue social en Vigo pero a estadía alí non pode ser permanente e logo terá que volver durmir na rúa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade