Tres meses despois das riadas de Viana do Bolo, os veciños non se senten seguros
Fixéronse labores de desentullo e unha canalización provisional, pero aínda hai labores pendentes
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil acaba de rematar a canalización provisional do rego da Canela, que atravesa a aldea.
"Isto fixérono estes días, porque quedara todo tapado. Levantaron as tubaxes desde arriba e fixéronlle unha saída aí que, como chova, salta por riba", di Benjamín Carballo, pedáneo da Bouza e afectado.
Teñen previsto que as obras da canalización definitiva do regato, 160 metros ao seu paso pola aldea, comecen nun mes e medio.
"Canto antes o fagan, mellor, porque o verán acaba en dous días", urxe o pedáneo.
En Pradocabalos, a ponte da estrada freou parte da leña que a riada arrastraba cara á aldea. Acumuláronse toneladas de madeira. Xa está retirada, as máquinas seguen traballando para achaiar o terreo, pero os veciños aínda non o ven seguro.
"Comparado co primeiro día, cambiou moito. Pero segue mal. Queda moitísima terra e vémoslle mala pinta para o inverno", lamenta Rosa García, veciña de Pradocabalos.
Entre as catro aldeas afectadas polas riadas, A Bouza, Pradocabalos, O Castro e Pixeiros, Xunta e Deputación retiraron catro mil toneladas de lama, cascallos e residuos forestais. Simultaneamente, a Confederación traballa nos leitos e zonas de dominio hidráulico.