Publicador de contidos

Publicador de contidos

Agresión con machetes e coitelos na Pobra por desacordos no contrato de alugueiro

Agresión con machetes e coitelos na Pobra por desacordos no contrato de alugueiro

O inquilino atopou as rodas do coche picadas e foi polo arrendador cun machete

Os dous acabaron no hospital e despois diante do xuíz, por ambos delitos de intento de homicidio

G24.gal 18/09/2026 14:20

Comparten edificio, o arrendador no primeiro e o inquilino no terceiro, en teoría nun piso en bastante mal estado. Por aí empezaron as desavinzas. 

"Por cuestión dun alugueiro, porque polo visto o piso estaba desfeito e o inquilino esixíalle á outra persoa que o arranxase", conta un veciño.

Levaban tempo enfrontados, con ameazas mutuas que ata agora non pasaran do verbal. O mércores, o inquilino atopou as rodas do coche picadas e, sen pedir explicacións, foise directamente a por quen lle cobraba a renda. Seica lle entrou na casa pola forza, diante da familia. Puido ser unha auténtica carnicería.

"Ameazouno e agrediuno cun machete e tivo que ir a urxencias e o outro recibiu unhas coiteladas", engade. 

Os dous homes acabaron malferidos, no hospital. Un co golpe do machete na cabeza, o outro con feridas do coitelo no abdome. Con todo, foi máis aparatoso que grave e xa recibiron a alta. Ante o xuíz, sentaron acusados de intento de homicidio mutuo, pero os dous quedaron en liberdade.

No barrio nin se decataran, ata que viron á Policía Científica recollendo probas. Nin sequera lle deran importancia ao sangue que quedou diante do portal. Quizais polos antecedentes do edificio.

"Aquí sempre foi problemático, conflitivo, con xente rara, incluso venda de droga. Había xente chunga e séguea habendo, o mesmo can con distinta correa. A min o que me importa é que me molestan día e noite. Iso si me preocupa", confirma outro veciño. 

Casualmente, un deles, o que agora xestiona os alugueiros do edificio, forma parte dos Fanchos, un clan do Barbanza ligado ao narcotráfico a grande escala. O mes pasado detiveron o suposto líder pola descarga de 1.400 quilos de cocaína na Pobra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade