A Xunta prevé que a eclipse atraia a Galicia un 30 % máis de turistas en agosto
A ocupación hoteleira medrou máis dun 3 por cento e o prezo medio das reservas está por riba dos 125 euros persoa
A Xunta prevé un verán de marca coa mirada posta na eclipse, que atraerá máis do 30% dos turistas de agosto. A ocupación hoteleira medrou máis dun 3 por cento e o prezo medio das reservas está por riba dos 125 euros persoa. Calculan que a eclipse atraerá a moito turistas e é que en Galicia hai moitos concellos situados na franxa de totalidade. Desde a Xunta falan do mellor ano turístico da historia de Galicia en termos económicos.
"O mellor ano turístico da historia de Galicia", di o director de Turismo de Galicia
En concreto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, prevé que a eclipse solar do próximo 12 de agosto impulse o que será, probablemente, "o mellor ano turístico da historia de Galicia" en termos económicos. Cunha ocupación que xa supera as reservas do ano anterior, a Xunta prevé que os turistas vinculados especificamente á eclipse superen o 30% do volume total de visitantes de agosto na comunidade.
O representante autonómico de Turismo insiste en que se espera que a eclipse non sexa só un fenómeno astronómico puntual, senón o "gran escaparate" que consolide á comunidade autónoma como un destino de referencia internacional.
Nesta liña, destaca que este ano se está comportando "moi positivamente", cunha ocupación hoteleira que en xuño xa creceu un 3% e unhas reservas para agosto que superan as de 2025, o cal xa fora, xunto ao ano anterior, "os mellores meses de agosto da historia do turismo de Galicia".
"O que nos comenta o sector turístico é que hai un índice moi alto de reservas para esta data e que o prezo medio está por encima dos 125 euros no que respecta ás reservas, o cal tamén nos di que vai ser un bo ano", sinala.
A magnitude do evento é tal que o Goberno central estima que atraerá a 500.000 visitantes a España, pola súa banda, Galicia prevé que os visitantes atraídos pola eclipse superen o 30% do volume total dos visitantes de agosto na comunidade.
Cunha rendibilidade hoteleira que crece un 7% desde 2023 e uns ingresos que o ano pasado rozaron os 470 millóns de euros, Galicia encamíñase a asinar "o mellor ano turístico da súa historia en termos económicos", impulsado por unha internacionalización que xa achega máis do 30% dos visitantes estranxeiros.
Eclipse parcial de sol en 2024, na Coruña. Arquivo: Europa Press/M. Dylan
Máis de 140 concello galego gozarán dun eclipse total
Xeograficamente, a presión turística concentrarase de forma intensa na franxa de totalidade da eclipse, Lugo é a provincia galega con maior presenza da franxa de totalidade, pois a maior parte do territorio estará nela, incluída a capital.
No caso da provincia da Coruña, esta terá presenza clara de totalidade, en concreto, a capital e tamén municipios da área metropolitana e do norte/interior. No suroeste e nalgunhas zonas costeiras a eclipse pode quedar en parcial.
A provincia de Ourense será "de contraste", a totalidade concentrarase sobre todo no leste/sueste (Valdeorras e zonas de montaña), mentres que na contorna de Ourense cidade e boa parte do resto predominará a eclipse parcial. Finalmente, en Pontevedra predominará a eclipse parcial, con totalidade só en municipios concretos do interior.
Segundo explica o director de Turismo, se se traza unha diagonal no mapa entre os concellos de Ponteceso (A Coruña) e A Mezquita (Ourense), todo o territorio ao norte desa liña vivirá a eclipse total.
"Onde se estima a maioría de ocupación vai ser no norte, neses 143 concellos nos que a eclipse vai ser total e nos que se acumula practicamente a metade da oferta de aloxamentos de Galicia", explica.
Asegura o director de Turismo de Galicia que para xestionar este fluxo, a Xunta traballa nunha comisión conxunta co Goberno central e nunha comisión interna que coordinan distintas consellerías. O plan loxístico inclúe o reforzo das comunicacións por autobús en eixos estratéxicos, como o que une A Coruña e Vigo, ou o traxecto entre Lugo e A Mariña lucense.
Ademais, habilitouse unha web específica que centraliza os mellores puntos de observación, puntos excluídos, a oferta complementaria dos concellos e todas as recomendacións sanitarias e de emerxencia.
Eclipse parcial de sol en 2024, na Coruña. Arquivo: Europa Press/M. Dylan