Publicador de contidos

Publicador de contidos

Gratis, pero por adiantado, por María Bastida

OPINIÓN

Gratis, pero por adiantado, por María Bastida

María Bastida 25/09/2026 07:48

Zohran Mamdani prometeu aos neoiorquinos autobuses rápidos e gratuítos. Nove meses despois, o billete segue custando tres dólares. Pero hai unha parte da promesa que algúns pasaxeiros parecen ter decidido adiantar pola súa conta, así que case a metade das viaxes en autobús fanse sen pagar. Traducido, a MTA recadou 31 millóns de dólares menos por tarifas que no mesmo período do ano anterior.

Os neoiorquinos, xente práctica, fixeron algo parecido ao que fariamos nun bar se o dono anuncia que a semana que vén invita el. Se vai ser gratis, por que pagar hoxe? O cidadán é un early adopter das políticas públicas. E aí está o perigo das promesas fáciles. Todas esas que caben perfectamente nun cartel. O que xa non cabe é quen as deseña, implanta, asume e, sobre todo, quen as paga e canto custa mantelas. Porque en economía gratis non significa que algo non custe. Significa que non o paga quen o utiliza nese momento. Pagarao alguén despois, normalmente vía impostos.

Agora ben, tampouco convén esaxerar a historia. O impagamento nos autobuses de Nova York xa era enorme antes de Mamdani. Non podemos afirmar que a xente deixase de pagar porque el prometese a gratuidade. Pero si hai algo interesante: unha promesa pode empezar a cambiar comportamentos mesmo antes de converterse en política. En economía pasa constantemente. Se pensamos que os prezos van subir, adiantamos compras. Se cremos que os tipos baixarán, esperamos. E se nos din que un servizo acabará sendo gratuíto, quizá resulte algo máis difícil aceptar que hoxe aínda haxa que pagalo.

Ese é tamén o custo das promesas fáciles: crean expectativas antes de crear financiamento. Por iso as promesas políticas tamén teñen custo antes de converterse en políticas.

Así que quizá a ensinanza sexa dobre. Desconfíen do político que lles ofrece algo gratis sen explicarlles quen o paga. E desconfíe tamén de quen explica un problema de anos cunha soa frase e cun culpable perfectamente identificado. As dúas cousas son cómodas, fáciles de vender e enormemente tentadoras. Pero xa ven, non sempre saen a contar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade