O diñeiro achado nunha rúa de Viveiro ten moitos pretendentes que din ser os propietarios
Fronte á honra de quen entregou o diñeiro xorde a picaresca de quen quere facerse con el
A Policía Local está a recibir numerosas denuncias de perdas de diñeiro
Nas rúas de Viveiro non se fala doutra cousa. O achado de diñeiro na vía pública está en boca de todos e moitos honran o xesto de quen o atopou e o entregou.
"Foi honrado, o que tiña que facer todo o mundo".
"Eu faría o mesmo porque o que o perdeu menudo disgusto".
"Como non teñen nome eu non sei se os levaría, porque pode ir calquera á policía e decir son meus".
Iso é o que está a suceder, pasan os días e aumenta a picaresca. Ao diñeiro sen dono sáenlle moitos pretendentes que din que é seu.
"A xente quere diñeiro sen traballar".
"Sempre houbo moita pillería".
"Menos mal que non saben a cantidade que é. Hai que ter moito coidado con todo".
"A policía non é tonta e sabe de quen poden ser os cartos. Saben donde e como apareceron e a cantidade e esas cousas ten que sabelas a persoa que as perdeu".
Polo momento seguen sen dan con ninguén cun testemuño que concorde co achado. Na vila pensan que o propietario pode ser unha persoa maior que aínda non se percatou da falta dos cartos.