Publicador de contidos

Publicador de contidos

Buscan o propietario dunha importante cantidade de diñeiro atopada en Viveiro

Buscan o propietario dunha importante cantidade de diñeiro atopada en Viveiro

Os cartos foron entregados nas dependencias da Policía Local

Non se dan datos da cantidade nin da rúa na que apareceron para evitar a picaresca

G24.gal 02/10/2026 14:11

Nunha rúa de Viveiro, cun nome que non se quere especificar, apareceu un particular achado. Falamos de cartos, dunha importante cantidade que por razóns de seguridade tampouco se quere especificar.

"Foi unha persoa maior a que atopou o diñeiro e levouno á policía pero non se di canto é".

Quen atopou os cartos na vía pública entregou o achado nas dependencias da Policía Local. Mentres agardan que apareza o seu lexítimo propietario os veciños honran o xesto de quen achou o diñeiro.

"Foi ben honrado ou honrada".

"Un xesto formidable".

"Aquí a xente é moi boa e non queda co que non é seu".

"Din que foi unha persoa maior e aí aínda hai valores".

"En Viveiro temos moito cantante pero tamén hai xente boa, a maioría".

Case todos din que farían o mesmo aínda que algúns, entre risas e bromas din que poderían dubidalo.

 "Home, nunca se sabe, segundo teña o día, pero creo que seguramente o levaría".

"Vou ser sincera, se sei que é de alguén con moitos millóns non llo devolvo, pero se é dun pobre coma min si".

Non se dan grandes datos do achado para evitar a picaresca. O dono do diñeiro deberá especificar datos como a cantidade, o envoltorio ou a posible rúa onde o perdeu para demostrar que é seu.

"Hai que dicir perdín tanto, e que día, e en que zona para demostralo".

Se ninguén acredita a pertenza terán que pasar ata dous anos en custodia e despois a persoa que os atopou podería reclamalos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade