O Concello da Gudiña ordena parar a actividade da mina de volframio
(TVG-Arquivo)
O Concello da Gudiña (Ourense) decidiu paralizar a actividade da mina de volframio da localidade ata que a compañía sueca Eurobattery Minerals achegue a documentación necesaria.
Esta decisión local súmase á condena xudicial de dous anos de cárcere contra o conselleiro delegado da empresa, Roberto Martínez, por fraude.
Segundo manifesta Ecoloxistas en Acción, a actividade mineira desenvolvida por Tungsten San Xoán S.L., filial da multinacional sueca na concesión San Xoán da Gudiña, atópase "paralizada por orde da alcaldía" ao concluír que a compañía estaba a executar obras e actividades "de forma legal, á marxe do control urbanístico e ambiental".
Esta decisión prodúcese, apunta a esta organización, tras constatar "graves intervencións" sobre o terreo, clasificado como solo rústico de especial protección forestal, "sen contar con ningunha licenza urbanística nin comunicación previa municipal".
Nun comunicado remitido aos medios, a organización ambiental anunciou que presentará unha denuncia penal separada ao entender que a actuación da empresa "podería ser constitutiva de presuntos delitos contra o medioambiente".