Ferroglobe propón ampliar nun 30 % a superficie da mina de seixo de Serrabal
A empresa estima que permitiría mellorar o aproveitamento dos recursos e restaurar os terreos afectados
A empresa Ferroglobe, responsable da mina de seixo de Serrabal, nos concellos coruñeses de Boqueixón e Vedra, propuxo ampliar a superficie desta explotación en aproximadamente un trinta por cento, ata pasar das 110 hectáreas actuais a máis de 142.
Así o recolle un acordo do Diario Oficial de Galicia (DOG) deste xoves, polo que se someten a información pública tanto o proxecto de explotación como o estudo de impacto ambiental e o plan de restauración elaborados en relación con esta ampliación de superficie.
Ferroglobe é titular da concesión para a explotación desta mina desde o ano 1978, nun inicio por un período de trinta anos, prorrogado posteriormente, para a extracción de seixo de alta calidade e o seu posterior emprego como materia prima na fabricación de silicio metal e ferrosilicio, así como subprodutos áridos para a construción e outros usos.
Ampliación condicionada pola proximidade do AVE
Unha vez asegurada a súa continuidade, a empresa encargou a elaboración dun informe en xuño de 2024 sobre as reservas explotables existentes no xacemento, o cal, segundo a documentación presentada, concluíu que «poden incrementarse» de realizarse «un mellor aproveitamento racional do mesmo».
Deste xeito, a compañía presentou este proxecto de ampliación da superficie inicialmente afectada pola autorización de explotación, no que tamén se valorou a posibilidade de afondar no filón sen ampliar a superficie da mina.
Porén, esta opción non foi considerada óptima por implicar «un maior retranqueo dos actuais noiros», limitados pola proximidade á explotación da liña de alta velocidade ferroviaria entre Santiago de Compostela e Ourense. De feito, a contrución da liña xa foi obxecto de polémica e adaptada no seu momento para evitar posibles riscos derivados da actividade mineira.
Así mesmo, sinala o estudo achegado por Ferroglobe, esa solución implicaría un menor aproveitamento do xacemento e un aumento da cantidade de estériles xerada, o que obrigaría a crear unha entulleira no exterior e traería consigo un incremento do impacto visual da explotación.
Desta forma, o incremento de superficie proposto, de preto dun terzo sobre a actual, permitiría mellorar o aproveitamento dos recursos e restaurar os terreos afectados coa técnica de «minería de transferencia actual», consistente en encher co material estéril extraído as zonas traballadas.
O informe elaborado tamén recolle a posibilidade de non actuación sobre a zona, que descartan por estimar que os recursos minerais existentes «presentan as características xeolóxicas adecuadas» para a súa explotación e que «non tería ningún sentido» abandonala cando xa se levou a cabo actividade mineira no lugar.
Ademais, recollen que un posible peche «supoñería un impacto negativo sobre o medio socioeconómico da zona ao cesar unha actividade empresarial creadora de emprego, viable técnica e economicamente e que xera riqueza na contorna».
Proximidade ao Pico Sacro, en trámites para ser BIC
A veta de seixo explotada nesta mina é a mesma que dá forma ao próximo Pico Sacro, un monte situado no concello de Boqueixón, a escasa distancia de Serrabal, para o que se está tramitando nestes momentos a declaración de toda a súa contorna como ben de interese cultural (BIC) polos seus usos sociais, rituais e cerimoniais; ademais da súa «significación cultural» máis alá do ámbito relixioso.
A documentación relativa ao proxecto de ampliación da mina está dispoñible na Consellería de Economía e Industria para a súa consulta e a partir de mañá abrirase un prazo de trinta días hábiles para a presentación de alegacións polas partes interesadas.